O portavoz do Grupo Municipal Socialista no Concello de Lugo, Miguel Fernández, instou hoxe ao Goberno local encabezado por Candia a “non perder a carreira” pola futura Axencia Estatal de Saúde Pública e a culminar o traballo iniciado polo anterior Alcaldia socialista para que Lugo manteña intactas as súas opcións de converterse na sede deste organismo estatal.
Fernández lembrou que a candidatura presentada polo anterior Goberno local desde con sede no Pazo de Feiras permitiu que Lugo superase o primeiro gran filtro do Executivo central e lograse competir entre as cidades finalistas dun proceso de enorme dificultade. “Era un obxectivo complexo e ambicioso, pero fomos capaces de colocar Lugo na carreira e agora non se pode tirar pola borda todo o traballo realizado ata o momento”, advertiu.
Neste sentido, o portavoz socialista sinalou que o Ministerio require agora ampliar e completar a documentación da candidatura con información detallada sobre cuestións como o acceso á vivenda, os recursos educativos para a escolarización dos fillos do persoal trasladado, as posibilidades de inserción laboral para familiares, os servizos de acompañamento na instalación na cidade ou o inventario e dotación do equipamento que se poría á disposición da futura sede.”Todo o requerido son potencialidades da nosa candidatura. É necesario término a vibrase política necesaria para impulsar o tráballo técnico requerido”, indicio Fernández.
Do mesmo xeito, Fernández incidiu en que o Concello deberá concretar tamén as garantías de financiamento das obras necesarias para acoller a Axencia, así como os prazos e condicións da cesión dos espazos previstos. “É o momento de demostrar capacidade de xestión e altura de miras. Lugo xa fixo o máis difícil, que era entrar na fase decisiva, e agora é necesario facer un esforzo máis para non deixar escapar esta oportunidade histórica”, afirmou.
O exalcalde advertiu ademais da importancia estratéxica que tería para Lugo albergar a Axencia Estatal de Saúde Pública, tanto desde o punto de vista económico como demográfico e institucional. “Estamos falando dun organismo que podería traer consigo o traslado de centos de profesionais e das súas familias, o que suporía unha importante inxección de poboación, consumo e actividade económica para a cidade”, explicou.
Fernández puxo tamén o foco na necesidade de que Lugo conte cun plan serio de acollida e integración para o persoal que eventualmente podería trasladarse á cidade, lembrando que o impacto indirecto podería alcanzar arredor de 3.000 familias vinculadas á actividade da Axencia. “Isto significa atraer perfís cualificados, fixar talento, fortalecer o tecido económico local e gañar peso institucional como cidade presente nos espazos de decisión do Estado”, sostivo.
Por último, o portavoz socialista reclamou ao actual Goberno municipal “máis traballo” para defender unha candidatura que, segundo indicou, “naceu do esforzo e da planificación do anterior Executivo socialista”. “A competencia é enorme e ninguén di que vaia ser fácil, pero Lugo chegou ata aquí por méritos propios. O peor que podería pasar agora é perder esta oportunidade por desleixo, falta de ambición ou incapacidade de xestión”, concluíu.
CANDIA ASEGURA QUE LUGO VAI “PELEXAR ATÉ O FINAL” POLA AXENCIA
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, confirmou que o novo equipo de goberno mantén o obxectivo de que a cidade siga sendo candidata para acoller a Axencia Estatal de Saúde Pública e asegurou que vai “pelexar até o final”, a pesar de que nos últimos días se endureceron os requisitos para optar á sede deste organismo. Candia insistiu en que a intención do Concello é loitar por converter Lugo na sede da Axencia e que, para iso, elaborarán “a mellor proposta posible”. Con todo, apuntou que a candidatura se atopa agora cun obstáculo importante: o orzamento dispoñible en Lugo, que é distinto ao doutras cidades competidoras.
“Eses requirimentos que se presentan agora parecen máis ben un quen dá máis; son totalmente distintos do que se presentou en principio e implican traballar desde cero”, comentou a alcaldesa. A rexedora confirmou que xa se realizaron reunións e que se encargou un informe para preparar a nova proposta coa que Lugo tentará reforzar a súa candidatura.
Candia engadiu ademais que a Axencia Estatal de Saúde Pública tiña previsto establecer a súa sede no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. Por iso, explicou que, para presentar unha oferta mellor da actual, haberá que volver manter contacto coas tres administracións implicadas no Padroado. “Todos teremos que facer un esforzo”, concluíu a alcaldesa, antes de reiterar que a postura do goberno local é clara: “pelexar até o final”.
