Ramón González Rey | Conta que o 15-m foi o momento de inflexión que o moveu a meterse en política. Iván Rodríguez Lombardero, xeólogo e educador ambiental natural de Ribadeo e traballador do Sindicato Labrego Galego (SLG) na oficina de Lourenzá, é a gran novidade entre os candidatos na provincia de Lugo, á fronte da recén creada Marea Galeguista.
Que sensación lle deixou a campaña?
A sensación é de moito traballo e moito movemento, moito propoñer e tamén moito aprender, pero dunha escasa repercusión mediática. Vimos a estas eleccións animados porque temos unha perspectiva que é diferente, un discurso distinto, por unha Galicia máis sustentable e de consenso. Pensamos que ese era o debate que nos iamos atopar nestes comicios, pero dámonos conta de que non existe, non se fala sobre se remata a Política Agraria Común (PAC), sobre se aumenta o prezo do petróleo, sobre se temos que rebaixar as emisións de CO2 polo cambio climático… Iso parece que non nos afecta, seguimos no Día da Marmota, como se estivesemos nunha lexislatura de anos atrás na que eses problemas non tiveran aflorado.
“A POSIBILIDADE DE QUE SE REMATE A PAC, O PREZO DO PETRÓLEO, O CAMBIO CLIMÁTICO… NON ESTÁN NA CAMPAÑA”
PARTICIPAR NAS ELECCIÓNS
Non houbo coalición nin oferta política á cidadanía pola súa parte para as eleccións de abril. Por que agora si?
Consideramos que ante a crise sanitaria por mor do coronavirus estamos nun momento chave, nun deses que, por quitar un símil das películas do Oeste, che din: “a bolsa ou a vida?”. Tivemos que parar a economía para salvar a vida. E agora sabemos que van chegar 10.000 millóns de euros a Galicia para relanzar a actividade económica: agora é o momento de políticas distintas. Trátase dunha oportunidade única para realizar os cambios estruturais que necesitamos. Consideramos que tiñamos que ofrecer unha visión estratéxica que non vemos nos outros partidos; lembrar que detrás da Covid-19 vén non só unha crise socioeconómica, senón tamén a onda climática e a onda enerxética. Vemos un curtopracismo na maneira de facer as cousas. E pensamos que tiña que haber unha voz para defender esa posición.
“A GALICIA VAN CHEGAR 10.000 MILLÓNS. É UNHA OPORTUNIDADE ÚNICA PARA FACER CAMBIOS ESTRUTURAIS”
ALCOA
Pensa que a situación de Alcoa é un exemplo dese curtopracismo?
Exactamente. Para Alcoa nós temos unha proposta de urxencia e outra a medio prazo. O primeiro pasa por solventar a situación actual e evitar a perda de postos de traballo, A Mariña quedaría moi tocada e non se pode salvar o futuro sen primeiro salvar o presente. Nos propoñemos unha entrada temporal no capital da empresa para evitar o peche e a perda dos empregos, pero tamén para facer un cambio na súa actitude ambiental, pois sabemos que hai emisións de cloro, hai vertidos de sosa e todos sabemos o problema que supón a balsa de lodos. Diante disto, non se pode mirar para outro lado e está claro que a Xunta non fixo os deberes.
Tamén somos conscientes de que o aluminio é un recurso non renovable, cuxo pico está establecido no 2035 aproximadamente. Non podemos pensar que Alcoa vai funcionar eternamente nin que é bo que supoña o 30% do PIB da provincia de Lugo. Polo tanto, hai que entrar agora e salvar a planta, pero tamén comezar a artellar proxectos alternativos, que pasen polos recursos autóctonos, de transformación do leite e de produción agroalimentaria, de madeira de calidade, das enerxías renovables. Hai moitas industrias que podemos desenvolver nas que ser produtores e consumidores: para nós, esa é a chave da soberanía, porque dá futuro e non hai risco de deslocalización.
“Feijóo é un vendedor da súa propia imaxe”
DIAGNOSE
Cal é a súa diagnose dos once anos do PP e Feijóo no Goberno da Xunta?
Feijóo é para nós un administrador, non un presidente. Din que é un bo xestor, pero non toma decisións, estámolo a ver ante o brote de coronavirus na Mariña. El recibe unha folla de ruta, non sabemos se lla dan as construtoras, Ence, os bancos… E séguea. Que fixo Feijóo nestes anos? Algo concreto? É complicado pensar nalgunha política, nalgún caso no que este home dixese “imos por aquí”. Case todas as cousas que fixo son a folla de ruta de outros, un exemplo son as privatizacións. Sae moito na televisión para presumir de xestión cando en moitas ocasións saca peito por fraudes á cidadanía, como pasou con Pemex. É un vendedor da súa propia imaxe. Que xestionou con respecto ao eucalipto no forestal, que é o 66% do noso territorio? Que xestionou no leite, que é outro sector fundamental?
SANIDADE
A sanidade foi unha das críticas principais á xestión da Xunta durante a lexislatura. Cales son as propostas da Marea Galeguista neste ámbito?
A precariedade da xente que nos estivo coidando estes meses é o mellor exemplo. Feijóo presume sempre de cifras e pode que teña razón se di que se gastaron máis cartos dos que se gastaban antes, pero o caso é en que. Se miramos en que, sería en transferir recursos da sanidade pública aos hospitais privados, precarizando o emprego, con contratos por horas ou por días.
Descapitalización é a palabra, e tamén opacidade, como estamos a ver con respecto do brote da Mariña. A estratexia é debilitar a sanidade pública para que cada vez máis se utilice a sanidade privada. Outro exemplo son as residencias, non se dispuxo nin unha soa praza pública de residencias públicas; despois viuse que o 99% das mortes a causa da pandemia foron en xeriátricos privados. El defende intereses alleos ligados a esa sanidade privada, a esas residencias privadas, á educación privada. Que agora queira facer pensar que iso vai mudar é tomarnos por inxenuos. Se consegue manterse no poder nada vai cambiar.
Nós temos ese modelo público que tamén defenden outras propostas de esquerda, quizais o noso matiz é que para nós é esencial unha prevención transversal para evitar a falta de saúde. Nós queremos facer fincapé en cuestións que habitualmente non se tratan: propoñemos que haxa unha Inspección Laboral forte que preste atención aos problemas de estrés dos traballadores ou unha fiscalidade máis intensa sobre os alimentos hipercalóricos, para evitar os problemas de obesidade, ademais dun control sobre a contaminación máis forte. Este tipo de cuestións poderían reducir o gasto sanitario.
O RURAL
Que proxecto ten a Marea Galeguista para o rural?
Aí hai dúas chaves. Primeiro, para que a xente viva no rural ten que ter de que vivir. Polo tanto, cómpre unha dinamización económica. Por outra banda, hai que achegar servizos, porque doutro xeito haberá poboacións de “primeira” e de “segunda”. Xa vimos o que acontece cando goberna o PP cos centros de saúde e as escolas rurais.
Unha das nosas propostas para o rural atinxe ás residencias, propoñemos xeriátricos máis pequenos e de proximidade, para que a xente siga no seu ámbito. Non ten sentido marchar a 60 quilómetros da casa para vivir nun centro de maiores con outras 300 persoas.
Consideramos imprescindible, para poder fomentar o teletraballo tan demandado pola Covid-19, ter bos servizos de internet; a fibra óptica ten que chegar a todas as parroquias. Hai que lembrar que cada vez máis, as xestións son tamén telemática.
No tocante ao emprego, aquí temos o monocultivo do eucalipto, que debe estar no monte, nun monte diverso que ofreza madeira de calidade de tamén espazo para o gando de carne, e non nas terras agrarias; debemos reducir a súa presenza e gañar espazo para explotacións lácteas, que necesitarán base territorial.
A falta de base territorial, ter moitas vacas pero poucos terreos, fai que teñamos que alimentar os animais con piensos producidos fóra, o que encarece o custo. Deste xeito, o noso sector lácteo ten unha capacidade produtiva enorme, pero faino cun marxe de beneficio moi pequeno. Temos que facilitar o paso dun sistema de intensivo a extensivo, que é a chave para que as nosas granxas de leite teñan un maior beneficio e sexan máis sustentables, sen depender de fóra. A partir de aí, propoñemos unha alianza estratéxica entre produtores locais e comercios locais para evitar a gran distribución e estabilizar os prezos.
Temos que facer producir os nosos propios alimentos, a soberanía alimentaria é a saída neste contexto de Covid-19.
“o PP ten que estar fóra da Xunta por hixiene democrática”
PACTOS
As enquisas parecen amosar dúas únicas opcións neste 12-x, principalmente unha vitoria do PP con maioría absoluta, que só podería frustrar un pacto de esquerdas. Cal é a posición da Marea Galeguista respecto das outras forzas?
Insisto no que dicía ao principio. Nós propoñemos un cambio no sector enerxético, no sector primario, na industria, no cambio de mobilidade cara un modelo colectivo e eléctrico, no que debera ter un peso fundamental o tren de proximidade. Tamén defendemos a renda básica. A nosa proposta é un cambio cultural, que non se pode facer dunha metade da sociedade contra outra. En Estados Unidos, preguntas a un republicano polo cambio climático e di que non existe, e preguntas a un demócrata e di que si. De xeito que cuestións imprescindibles para a supervivencia pasan á lea partidista. Nos cremos que o PP ten que estar fóra do Goberno da Xunta, por hixiene democrática: pero queremos axudar a forzar consensos. Ante un posible Executivo tripartito, a Marea Galeguista faría por acadar novos consensos coa participación de todos.