InicioMedioambiente e PatrimonioCastroverde recollerá os plásticos agrícolas a domicilio para evitar os vertedoiros nas...

Castroverde recollerá os plásticos agrícolas a domicilio para evitar os vertedoiros nas parroquias

As explotacións que cumpran correctamente con esta medida recibirán un 'Certificado de boas prácticas' que será necesario para beneficiarse de futuras subvencións.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Concello de Castroverde pon en marcha un plan de recollida e reciclaxe de plásticos agrícolas ante a acumulación de lixo nalgúns puntos do municipio. O goberno local anunciou que se limparán os vertedoiros existentes nalgunhas aldeas e explicou que, a partir de agora, a recollida realizarase nas propias explotacións agrarias.

Vilar de Cas, Rebordaos ou Mirandela son algunhas das parroquias nas que os puntos de recollida se converteran en auténticos vertedoiros: montes de lixo contaminaban a paisaxe e incluso comían espazo á estrada. A cuestión levantaba queixas entre os veciños e xa ten sido obxecto de debate en plenos locais, a proposta do BNG.

Agora, o Concello aprobará unha nova ordenanza para a xestión dos plásticos agrícolas que será de obrigado cumprimento para todos os gandeiros, ben a través do servizo municipal ou ben de forma privada. “É unha responsabilidade de todos coa paisaxe e co medio ambiente”, lembran dende a corporación local. Por iso, cada explotación que respecte as medidas recibirá un ‘Certificado de boas prácticas coa xestión dos plásticos‘, un documento que será necesario para acceder a futuras subvencións.

RECOLLIDAS CUADRIMESTRAIS

O servizo que ofrece o Concello dispón tres recollidas ao ano (en marzo, xuño e outubro), previo aviso dos gandeiros que teñan residuos. Ata ese momento, os plásticos almacenaranse na propia explotación ou nun lugar de fácil acceso para o camión. Nestas recollidas só se admitirán os plásticos de silo, quedando prohibidos outros residuos como rodas, cordóns, tubaxes, etc.

As explotacións gandeiras ou de pequenos rumiantes deberán aboar unha cantidade fixa ou variable ao ano para axudar a sufragar os custos. Quedan exentas de pagamento as explotacións cun número moi baixo de cabezas de gando ou explotacións doutro tipo de animais, aínda que deberán facer a solicitude de recollida de todos os xeitos. Para comezar a prestar o servizo, cómpre presentar a solicitude nas oficinas do Concello xunto co CEA da explotación e o número de conta bancaria.

+ posts

ÚLTIMAS

Fernández reclama a renovación da rede de abastecemento en Paradai

O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, visitou esta semana o barrio de...

Candia fai chegar á subdelegada do Goberno prioridades en seguridade, mobilidade e infraestruturas

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, mantivo hoxe unha reunión institucional coa subdelegada do...

O Parlamento galego apoia por unanimidade a candidatura de Lugo para acoller a Axencia Estatal de Saúde Pública

O Parlamento galego pide á Xunta que impulse o apoio á candidatura de Lugo...

O Concello de Lugo pide axilidade á Deputación na renovación da avenida Adolfo Suárez

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, mantivo un encontro co presidente da Asociación de...