Home Lugo e contorna Lugo Miguel Fernández presenta Lugo 10 a Montirón coas propostas para reforzar servizos públicos e atención a maiores

Miguel Fernández presenta Lugo 10 a Montirón coas propostas para reforzar servizos públicos e atención a maiores

0
Miguel Fernández presenta Lugo 10 a Montirón coas propostas para reforzar servizos públicos e atención a maiores

A estratexia Lugo 10 continúa o seu percorrido polos barrios da cidade. Nesta ocasión, Miguel Fernández compartiu as principais propostas do seu proxecto para a próxima década coa Asociación Praza das Illas de Montirón, nun encontro que permitiu poñer en común as prioridades de futuro para Lugo e as necesidades que a veciñanza identifica na súa contorna.

“Temos que pensar no Lugo dos próximos dez anos, pero tamén nas necesidades que xa existen. Queremos unha cidade que ofreza oportunidades para a xente nova, que facilite o acceso á vivenda e que dispoña dos servizos necesarios para que as persoas maiores poidan vivir con seguridade e autonomía”, explicou o voceiro socialista.

Precisamente, a atención ás persoas maiores foi unha das cuestións que maior interese espertou durante a reunión. Os representantes da asociación amosaron a súa preocupación pola dispoñibilidade de prazas públicas en residencias, unha demanda que Fernández comparte e que o Grupo Municipal Socialista xa trasladou ao pleno municipal para reclamar unha maior implicación do goberno autonómico.

Neste sentido, o alcaldable defendeu a necesidade de ampliar a oferta residencial pública na cidade, unha responsabilidade da administración autonómica que considera imprescindible abordar para dar resposta ás necesidades actuais e futuras da poboación. Ao mesmo tempo, incidiu na importancia de reforzar os servizos de axuda e atención no fogar, para que as persoas maiores que desexen continuar vivindo nas súas casas poidan facelo nas mellores condicións, cos coidados e apoios que precisen. Unha atención integral que debe completarse con iniciativas que favorezan o envellecemento activo e a autonomía persoal.

A vivenda tamén tivo presenza na presentación de Lugo 10, como outro dos grandes retos que debe afrontar a cidade na próxima década. Fernández compartiu coa asociación a importancia de facilitar o acceso a unha vivenda digna, especialmente entre a poboación máis nova, e de impulsar unha planificación residencial que responda á evolución e ás necesidades dos distintos barrios.

 

Espazos de convivencia e melloras para a vida cotiá

Máis alá das grandes liñas de Lugo 10, o encontro permitiu abordar cuestións relacionadas coa mobilidade, a seguridade viaria, o mantemento urbano e a calidade dos espazos públicos de Montirón.

Entre os asuntos tratados figurou tamén a necesidade de contar con recursos e equipamentos que favorezan a actividade asociativa e a convivencia veciñal. Neste ámbito, Miguel Fernández expuxo a conveniencia de estudar as posibilidades de ampliar a rede de espazos sociais da cidade ou mellorar os xa existentes, atendendo ás características e necesidades de cada contorna.

O voceiro socialista puxo en valor o traballo das asociacións veciñais, tanto pola súa contribución á vida social dos barrios como polo coñecemento directo que teñen dos problemas cotiáns e das oportunidades de mellora.

A visita concluíu cun intercambio de impresións sobre distintas actuacións de proximidade que afectan á accesibilidade, á seguridade dos desprazamentos e ao coidado dos espazos comúns.

Fernández agradeceu a participación da Asociación Praza das Illas e destacou a utilidade destes encontros para contrastar as propostas de Lugo 10 coa realidade dos barrios, incorporando novas perspectivas á planificación da cidade para os próximos anos.

+ posts

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here