InicioLugo e contornaLugoO PSOE denuncia que o actual goberno de Lugo se "apropiou" dunha...

O PSOE denuncia que o actual goberno de Lugo se “apropiou” dunha idea do anterior goberno local

O portavoz socialista e exalcalde de Lugo, Miguel Fernández, denunciou que o actual Executivo municipal "pretende usurpar o traballo realizado polos socialistas ao fronte da Alcaldía" e criticou o que considera unha actitude de "oportunismo e cinismo político sen precedentes"

PUBLICADA O

- Advertisement -

O portavoz socialista e exalcalde de Lugo, Miguel Fernández, acusou este luns ao Goberno local encabezado por Elena Candia de pretender “apropiarse” dunha iniciativa impulsada polo anterior Executivo municipal para recoñecer a figura do músico Juan Montes como unha das grandes referencias culturais da cidade. Fernández empregou a ironía para reivindicar o traballo desenvolvido polo seu Goberno en colaboración co Orfeón Juan Montes co obxectivo de promover a elección do compositor como Fillo predilecto da cidade pola súa “inconmensurable achega á identidade cultural lucense e á cultura galega”.

O exrexedor denunciou que o actual Executivo municipal “pretende usurpar o traballo realizado polos socialistas ao fronte da Alcaldía” e criticou o que considera unha actitude de “oportunismo e cinismo político sen precedentes”. “Primeiro usurpou o Goberno e agora pretende tamén usurpar e amortizar o traballo do noso Executivo”, afirmou Fernández, quen lamentou que Candia “trate de converter en propio un proxecto que naceu do compromiso do Goberno socialista coa cultura lucense e coa memoria colectiva da cidade”.

Fernández subliñou que Juan Montes representa unha das figuras máis transcendentes da historia cultural de Lugo e de Galicia, destacando a dimensión do seu legado musical e o profundo vencello da súa obra coa identidade da cidade. O portavoz socialista lembrou ademais o papel fundamental desempeñado polo Orfeón Juan Montes na conservación e difusión da súa figura, así como no impulso institucional para que Lugo recoñeza oficialmente a quen definiu como “un dos grandes emblemas culturais da nosa terra”.

No mesmo sentido, o portavoz socialista anunciou que o Grupo Municipal Socialista defenderá no pleno ordinario do mes de maio unha proposta para nomear Fillo predilecto da cidade a Juan Montes e distinguir tamén co recoñecemento de fillo adoptivo ao doutor Mariano Castiñeira, ao que definiu como “un referente humano, sanitario e deportivo imprescindible para varias xeracións de lucenses”. Fernández destacou a traxectoria do médico e a súa dedicación á saúde e ao deporte ao longo de preto de medio século de servizo público e profesional.

“Non se pode entender a vida deportiva lucense desde os anos oitenta sen a figura de Mariano Castiñeira, a súa paixón pola profesión e a súa contribución á nosa saúde individual e colectiva”, sinalou o exalcalde socialista, quen puxo en valor o compromiso social e humano do doutor lucense. Fernández incidiu en que Lugo ten a obriga moral de recoñecer a persoas que contribuíron “a facer cidade desde a cultura, a sanidade e o compromiso coa sociedade”.

Finalmente, Miguel Fernández volveu recorrer á ironía para “agradecer” a Candia que “asumise como propio o traballo do anterior rexedor”, aínda que lle reclamou que dea “un paso máis” e apoie integramente a proposta socialista no próximo pleno municipal. “Se realmente consideran xusto o recoñecemento a Juan Montes, deberían tamén votar a favor da nosa proposta para distinguir en 2026 a Mariano Castiñeira co maior galardón que a sociedade lucense pode conceder aos seus fillos”, concluíu.

+ posts

ÚLTIMAS

A CIG denuncia ante Inspección a empresa onde morreu un mozo en prácticas en Vilalba

A CIG presentou unha denuncia ante a Inspección de Traballo contra a empresa de...

Alerta nos Ancares por unha “praga” de xabarís: os gandeiros temen o contaxio de enfermidades e esixen accións á Xunta

O Sindicato Labrego advirte dun aumento sen precedentes dos ataques, que ameaza a viabilidade das explotacións, e reclama a Medio Ambiente peches preventivos e un control sanitario estrito.

Queremos Galego denuncia o uso do castelán nun cartel en Lugo mentres o PP sinala que xa se fixo en anos anteriores

A plataforma Queremos Galego criticou publicamente ao goberno municipal de Lugo, liderado polo PP,...

O PP acusa a Carmela López de manter “o mesmo sectarismo” que Tomé na Deputación

O grupo provincial do PP na Deputación de Lugo acusou á presidenta do organismo,...