A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, participou este mércores no acto organizado polo Goberno autonómico con motivo da saída a información pública do proxecto do trazado do tramo Nadela-A Pobra de San Xiao, onde aproveitou o encontro co presidente galego, Alfonso Rueda, para reclamar que se axilice a conversión completa do corredor en autovía e urxir un encontro entre ambos.
“Aproveitei esta oportunidade para insistir ao presidente Rueda sobre a necesidade de axilizar o máximo posible a materialización deste proxecto. Calquera anuncio que implique un avance na mellora das comunicacións da nosa cidade, por pequeno que sexa, é unha boa noticia, pero esta vía estratéxica non pode demorarse máis”, avisou.
“A conversión completa deste corredor en autovía acumula máis dunha década de atraso e isto implica un agravio comparativo para a nosa cidadanía e para o noso tecido produtivo”, proseguiu a rexedora.
Así mesmo, tras mostrar Rueda a semana pasada a súa disposición para reunirse co rexedor vigués, Abel Caballero, con quen non se viu na anterior rolda de alcaldes, e con ela, tras relevar a Lara Méndez, se así o desexaba, a rexedora lucense pediu ao Executivo autonómico a pechar data para este encontro.
“Recollín a luva lanzada polo presidente hai uns días e aproveitei a ocasión para solicitarlle unha reunión para tratar temas de interese para Lugo. É necesario impulsar os proxectos que ambas as administracións temos en común e que repercuten sobre a calidade de vida dos lucenses e que son fundamentais para o desenvolvemento da nosa cidade”, esgrimiu.
PSOE DE LUGO: “MÁS TRABALLO E MENOS FOTOS”
Pola súa banda, a secretaria de Organización provincial do PSdeG en Lugo, Pilar García Porto, reclamou a Rueda “máis traballo e menos fotos electoralistas” para “avanzar dunha vez por todas” coas obras de desdobramento do corredor Nadela-Monforte. “É o que necesitamos os veciños e veciñas da provincia”, aseverou.
García Porto incidiu nos anuncios de Rueda “con bombo e prato” no Páramo, en relación á saída a información pública dun tramo desta infraestrutura na que “levan anos e anos de atrasos”. Ao seu modo de ver, isto “non é precisamente para sacar peito, senón que debería darlles vergoña”.
“É urxente que se poñan a traballar para completar esta importante arteria de comunicación por estrada dunha maneira seria e rigorosa e que se deixen de enganar aos veciños, porque o máis probable é que non vexamos inaugurado este tramo de 16 quilómetros ata, polo menos, o ano 2026″, advertiu.