InicioSucesosRatificada a condena de 25 anos polo asasinato de Tatiana Vázquez

Ratificada a condena de 25 anos polo asasinato de Tatiana Vázquez

O alto tribunal galego rexeita o recurso e mantén a pena de 25 anos de cadea e a prohibición de achegarse á familia de Tatiana Vázquez por 35 anos

PUBLICADA O

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestimou o recurso de apelación interposto polo home condenado a 25 anos de cárcere por asasinar a Tatiana Vázquez. A Audiencia Provincial de Lugo, no fallo que agora confirma o TSXG, tamén lle impuxo, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, outros dous anos de privación de liberdade por cometer un delito de violencia habitual no ámbito familiar.
O xurado popular considerou probado que o acusado mantivo unha actitude despectiva cara á vítima, “con insultos, illándoa da súa familia e amigos e facéndoa obxecto de continuos menosprezos”, durante a relación que mantiña coa rapaza de Castro, de 24 anos.
Segundo os membros do tribunal, asestou ata 54 coiteladas á falecida no interior do seu vehículo, “a maior parte delas de escasa entidade, para deste xeito aumentar intencionadamente a dor da vítima”.
Por estes motivos, o alto tribunal galego confirma a pena de 25 anos de cadea, a prohibición de non achegarse ou comunicarse coa familia de Tatiana Vázquez durante 35 anos, amais da indemnización de 75.000 euros ao pai da vítima, e outros 25.000 euros ao irmán.

Sentenza amparada nunha investigación policial e forense “minuciosa”

O TSXG argumenta na sentenza, contra a que cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo, que os “reparos á valoración indiciaria” efectuados no recurso “ou non resisten unha análise lóxica ou tropezan coa valoración xudicial que, ademais de ser lóxica e imparcial, se ten que valorar con preferencia a da parte”.
Sobre a alegación de que o Tribunal do Xurado puidese ser obediente “cunha valoración policial de conveniencia, auspiciada polo horror que causa un crime sanguento, que conmove, en case todos os sentidos da palabra (bos e malos), aos cidadáns”, o alto tribunal galego subliña que “non parece senón unha valoración interesada de contextos obvios que se depuraron nun ámbito sobradamente garantista”.
“Á vista está que a investigación policial e a da médico forense foron minuciosas, detalladas e atinxentes ao caso, de maneira que a tacha de insuficientes ou guiadas por un prexuízo en contra do reo non se sosteñen como criterio xeral”, recalca o TSXG, quen sostén que o condenado tratou “inequivocamente de adoptar a súa versión dos feitos a conveniencia”. ​​

ÚLTIMAS

Incendio nunha empresa de colchóns de Palas de Rei mobiliza un amplo operativo de emerxencias

Os servizos de emerxencias traballan na extinción dun incendio iniciado no exterior do recinto...

A Xunta só dá 10 días para consultar o expediente de Altri a 75 persoas interesadas

A Consellería de Economía e Industria recoñeceu a 75 persoas como interesadas no proxecto...

O PP lucense esixen a Tomé unha repartición “igualitaria” dos convenios da Deputación

Alcaldes e concelleiros do Partido Popular dos 67 concellos lucenses concentráronse este venres ante...

Dous detidos por estafar máis de 30.000 a unha empresa de Lugo

A Garda Civil de Lugo identificou a dous veciños de Cataluña que supostamente estafaron...