Home Lugo e contorna Lugo Lugo xa dispón dos terreos para construír as Caldas do Miño, cuxo acceso será de balde

Lugo xa dispón dos terreos para construír as Caldas do Miño, cuxo acceso será de balde

0
Lugo xa dispón dos terreos para construír as Caldas do Miño, cuxo acceso será de balde
Deseño das futuras Caldas do Miño | LX

O Concello de Lugo xa dispón dos terreos para construír as caldas de auga quente na contorna da Fundación Feiras e Exposicións.  A cesión do solo —unha superficie de 84.000 metros cadrados— quedou confirmada tras asinar un convenio a propia Fundación e a alcaldesa, Lara Méndez.

A cesión foi acordada polo Padroado, aínda que coa abstención de representantes da Xunta de Galicia e do grupo municipal do Partido Popular, que se negaron a que a cesión dos terreos fose de balde. “A proposta ía avalada polos técnicos municipios e conta con todas as autorizacións pertinentes“, subliñou Lara Méndez, quen tamén criticou a “baixeza de miras” do PP por “teimar en boicotear calquera decisión deste goberno independentemente dos prexuízos que lle ocasionen á veciñanza”.

A cesión do predio, cuxo titular era a Fundación Feiras e Exposicións, era un dos últimos trámites precisos para poder executar as obras, que contan co 80% de financiamento europeo. O proxecto prevé construír as caldas a carón do Pazo de Feiras, na Avenida Fábrica da Luz, á altura do Club Fluvial. Constarán de catro piscinas de auga quente, cun aforo de 50 persoas cada unha delas. Ademais, segundo adiantou a rexedora local, o acceso será de balde.

Méndez sinalou que “se ben estas termas non teñen un fin sociosanitario, si que reportarán múltiples beneficios á comunidade, como o impulso da contorna fluvial”. Segundo ela, estas instalacións favorecerán a economía e o fomento de emprego no sector turístico.

+ posts

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here