InicioLugo e contornaLugoBalseiro e Candia asinan a paz para evitar unha guerra interna en...

Balseiro e Candia asinan a paz para evitar unha guerra interna en época electoral

Os principais dirixentes populares da provincia imitan o feito por Álvaro Santos e Darío Campos hai semanas tras as numerosas especulacións que apuntaban a un enfrontamento entre eles.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, quixo poñer freo este mércores aos numerosos rumores que apuntaban a unha mala relación con Elena Candia, a presidenta do partido provincial. Nas últimas semanas había inquietude en determinados ámbitos populares polo suposto interese de Balseiro en facerse coa Presidencia da deputación se ao PP lle dan os números tras as municipais do vindeiro maio.

Non vou ir nas listas en Lugo, nin nos postos de saída en ningunha outra lista”, aseguraba Balseiro dando por pechada un debate interno que ameazaba con poñer en perigo os resultados do PP na provincia, especialmente, nun momento sensible no que as disputas poden pagarse cara nas eleccións pola competencia que teñen agora os pupulares con Vox e Ciudadanos.

Balseiro lembrou que para ser delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo xa renunciou ao seu escano no Parlamento de Galicia e a ser tenente de alcalde en Cervo, polo que “non tería maior sentido” que agora integrase unha lista electoral en postos de saída. “Non sería nin xusto nin acertado, porque adquirín un compromiso como delegado da Xunta, un dos traballos máis importantes da provincia, dado que son o representante en Lugo da administración con maior capacidade de investimento”, xustificou como restando importancia á presidir a deputación.

Nese sentido, aproveitou para vender o traballo da Xunta na provincia e dixo que a 20 de xaneiro “xa executou na provincia de Lugo o orzamento que executa a Deputación en todo o ano”. “O posto no que estou é dunha dedicación 24 horas ao día e asumo máis do que podo facer”, dixo.

ELENA CANDIA

Balseiro está convencido de que o PP vai volver a gobernar a deputación e que, por iso, deu un paso atrás por responsabilidade para deixar paso a Elena Candia. “Son un home de palabra”, insistiu e, chegado o momento, dixo, apoiará a Elena Candia, a actual presidenta provincial do PP de Lugo, para que sexa tamén a presidenta da Deputación.

Deste xeito quería pechar o debate aberto no seo do seu partido sobre o liderato do PP na provincia, ata agora controlada por el e por José Manuel Barreiro, que foron os que, no seu día tamén promoveron a Candia como líder provincial. Con todo, nos últimos meses, o distanciamento entre os dous dirixentes é evidente, algo que se pode ver, na mala relación que existe entre a alcaldesa de Mondoñedo e algún dirixente popular da Mariña, como o alcalde de Cervo, que a súa vez, ten boa sintonía con Balseiro.

A estratexia escollida por Balseiro é a mesma que a que fixo hai unhas semanas o PSdeG cando, tras as numerosas especulacións, o secretario provincial, Álvaro Santos, anunciou que el non aspiraba a presidir a deputación e que ese posto estaba reservado para quen o ten agora, “o seu amigo e compañeiro Darío Campos”.

ÚLTIMAS

Dous irmáns lucenses, promesas do piragüismo español

Un día de semana ás 10:00 horas da mañá en pleno verán, Hugo Argiz e...

O pleno municipal aproba esixir á Xunta que garanta o dereito das mulleres a abortar na provincia

O pleno do Concello de Lugo aprobou este venres, co voto a favor de...

Un conductor ferido grave tras caer por un terraplén no Corgo

O condutor dun vehículo resultou ferido de gravidade tras saírse da vía e caer por un...

Doa sangue e levarás gratis unha entrada para o cinema

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Centro Comercial As...