O delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, comparou este martes a apertura de residencias promovidas polo Goberno galego na provincia, con tres xa en marcha e unha a piques de abrir, coas nove que promove a Deputación, todas elas “pechadas”, precisamente, paralizadas tras un recurso de Suplusa, no que ten maioría o PP xunto co ex socialista Manuel Martínez.
En rolda de prensa, Balseiro resaltou a construción e dotación de catro novas residencias en Lugo, “a de San Ciprián en Cervo que está aberta, a de Foz que está aberta, a Paradela que está aberta e a de Baleira que abrirá nas próximas datas”.
“Todas elas, salvo a de Baleira, están en funcionamento, son 246 novas prazas en réxime de residencia ou centro de día. Residencias de titularidade pública, municipal neste caso e con prazas con apoio público a través de libranzas ou bonos. Exactamente igual as da Deputación se estivesen abertas”, subliñou.
En relación ás que promove o goberno provincial, Balseiro aclarou que “as residencias de Pol, Trabada, Castroverde ou Ribadeo xa dispoñen neste momento da autorización da Xunta e a día de hoxe seguen pechadas, e sen data concreta de inicio”. En canto a outras residencias, que programa a Deputación, “como as de Ribas de Sil, Navia de Suarna, Pedrafita ou Meira nin tan sequera consta solicitude algunha á Xunta para iniciar a actividade”, dixo.
Que permanezan pechadas di que é pola “mala xestión e á falta de eficacia e de dilixencia” do goberno que preside o socialista Darío Campos, e non polos atrancos postos polo SUPLUSA.
CASAS DO MAIOR
Tamén anunciou que ao longo deste ano abrirán na provincia cinco Casas do Maior, que funcionan como casa niño para os máis pequenos; dous nas Nogais, unha en Cervantes, outra en Portomarín e no Páramo.
Balseiro explicou que se trata de “un servizo gratuíto ao cento por cento”, onde a Xunta “dá unha achega para facer os arranxos que haxa que facer para a Casa do Maior, e despois é quen paga aos que están á fronte”. “Son casas para cinco persoas, pero son gratuítas ao cento por cento”, concluíu.