InicioPolíticaMéndez presenta un orzamento máis social sabendo que carecerá de apoios

Méndez presenta un orzamento máis social sabendo que carecerá de apoios

A alcaldía de Lugo lanza as contas sen negociación previa sabendo que a aprobación dependerá de mecanismos extraordinarios

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Concello de Lugo presentou o Orzamento 2019 do mesmo xeito que en exercicios anteriores, cun goberno en minoría sometendo á oposición a un desafío. As contas, carta de presentación da campaña para as locais do 26 de maio, presentan un gasto virtualmente idéntico (96,6 millóns de euros), con avances en programas sociais, enfocado cara o emprego e os espazos públicos. A oposición, consciente do bloqueo, fala de “engano” e “pantomima”.

Durante o 2018, a alcaldesa Lara Méndez sufriu o intre límite do mandado e conseguiu sacar adiante o orzamento mediante a cuestión de confianza. O resto de grupos da corporación, atomizados, retiraron a confianza á rexedora, mais non foron quen de conformar a moción de censura, dando como resultado a aprobación automática das contas en abril. Foi o estímulo que precisaba un goberno paralizado, e malia que os efectos tardaron, os socialistas presumen dun grao de execución do 89 por cento.

A candidata á reelección afronta o ano electoral baixo a mesma aritmética desfavorable, emulando o argumento do Goberno central, desprovido tamén da maioría que permitiu a investidura. Se o apoio dos socios máis factibles resulta impensable, máis o é con comicios en cen días. Para a oposición, a presentación das contas é unha manobra para culpar a outras forzas do fracaso do proxecto de orzamento.

Antonio Ameijide, voceiro do Partido Popular | Óscar Bernárdez

No Partido Popular consideran que a alcaldesa “non está lexitimada” para negociar, agraviados por non teren nova do orzamento ata a presentación  deste perante os medios. Así, cualifican o anuncio de “engano” para tapar as promesas incumpridas, do que daría conta a “falta de vontade” para tratar as contas municipais con outros grupos.

Decepción tamén en Lugonovo, onde albiscan “un acto publicitario que quedará reducido a fume”. Na formación están inquedos pola “escasa consideración” e a “arrogancia” do goberno local por ignorar o resto da corporación e a cidadanía á que representan. “Se tivese previsto executar os orzamentos, o texto estaría na mesa de todos os partidos o pasado setembro”.

O certo é que a tramitación das contas, que Méndez quere levar a pleno “o antes posible”, pode demorar o debate alén do 26 de maio, polo que as probabilidades de que prospere o proxecto son exiguas. Como contempla a LOREG (art. 197 bis) é posible vincular o orzamento á cuestión de confianza, mais para iso é preciso que primeiro a corporación rexeite a proposición, despois de emendas e alegacións.

A proposta de orzamentos de Lugo para 2019, en detalle

+ posts

ÚLTIMAS

A Deputación de Lugo eleva o seu orzamento para 2027 ata os 155 millóns, case un 15 % máis que este ano

A Deputación de Lugo contará en 2027 cun orzamento de 155.241.120 euros, o máis...

Pontón e Rodil inician a campaña en Lugo pedindo “salarios e pensións dignos para poder chegar a fin de mes”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, elixiu Lugo para iniciar a campaña electoral...

Besteiro critica os “millóns dilapidados” por Feijóo en Lugo en “proxectos fracasados”, como o de Rozas

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou que a historia recente...

Un xulgado de Lugo exime preventivamente a un otorrino de 60 anos de facer gardas médicas por razón da súa idade

O xulgado de instancia de Lugo, praza 1 da sección do contencioso-administrativo, acordou eximir...