Este luns comeza a peonalización da Milagrosa: así será a circulación

O Concello presenta o plan de circulación durante a peonalización da Milagrosa, que modifica os accesos e os itinerarios do bus urbano

Accesos para residentes e servizos durante a peonalización da Praza da Milagrosa | Concello de Lugo
Accesos para residentes e servizos durante a peonalización da Praza da Milagrosa | Concello de Lugo

O vindeiro luns, 5 de novembro, o Concello iniciará os traballos de peonalización da Praza da Milagrosa, procedendo ao corte do tráfico rodado pola mesma. En ningún momento se impedirá o acceso aos inmobles, entradas dos vados legalmente sinalizados nin locais comerciais. A continuación resúmese a circulación durante os traballos.

A entrada e saída dos garaxes realizarase a través da rúa Curros Enríquez. A parada de taxis trasladarase á confluencia da rúa Milagrosa e a rúa Mallorca. As rúas Mallorca, Milagrosa (tramo comprendido entre a praza e a rúa Xulia Minguillón) e Yáñez Rebolo non sufrirán cambios no seu ordenamento, quedando a circulación nos sentidos actuais.

A empresa encargada de executar as obras colocará cartelería nas rúas e cruces próximos á praza para advertir do corte aos condutores e condutoras. Tamén dispoñerá en todo momento dos operarios señalistas necesarios para garantir a seguridade da circulación e orientar a veciños e condutores dos cortes e desvíos.

Adaptaranse as frecuencias dos semáforos da Avenida da Coruña, Curros Enríquez e Valle Inclán á intensidade circulatoria de cada momento, para minimizar os efectos no tráfico rodado.

Autobuses urbanos

Sufrirán modificacións os itinerarios das liñas 1 (Campus Universitario-A Piringalla) e 5 (A Campiña- Abella), afectadas pola peonalización da Praza da Milagrosa. Esta modificación levará a efecto o luns día 5 de novembro, data prevista para o corte do tráfico rodado na praza polo inicio das obras.

A distancia percorrida en relación aos antigos itinerarios practicamente é invariable na liña 1, mais non así na liña 5 (A Campiña-Abella): ampliada arredor de 1.100 metros, en contrapartida pasará próxima e dará servizo á zona de Albeiros.

Esta modificación dos percorridos dispón a eliminación das paradas de rúa Mallorca e Praza da Milagrosa, procedendo á creación de dúas novas. Para a liña 5 sinalizarase unha en rúa Alfredo Vila, fronte á Praza Agro do Rolo; e para a liña 1 crearase unha parada nas inmediacións da Praza Viana do Castelo, fronte a rúa Otero Besteiro.

Ademais, as persoas usuarias poderán utilizar todas as paradas pertencentes a outras liñas xa existentes neste novo percorrido. En menor medida tamén sufrirá modificación de itinerario a liña 11E (Calde-A Piringalla-Albeiros) os sábados tarde, domingos e festivos, pasando a realizar o mesmo percorrido que a liña 5.

Resumo dos itinerarios

Novo itinerario liña 1 (Campus Universitario-A Piringalla): Avda. da Coruña – Manuel María – para continuar por Santo Graal.

Novo itinerario liña 5 (A Campiña Abella): Avda. da Coruña – Monte Faro – rúa do Franco – Illas Canarias – Avda. Coruña – Reverendo Xosé Fernández Núñez – Alfredo Vila – Eloi Maquieira – Curros Enríquez – para continuar por Valle Inclán

Acompáñase esbozo cos novos percorridos e a localización das paradas existentes e as de nova creación.

Novos intinerarios das liñas 1 e 5 | Concello e Lugo
Novos intinerarios das liñas 1 e 5 | Concello e Lugo

As obras

A intervención conta cun orzamento de 171.600 euros e un prazo de execución de 6 meses. A peonalización inclúe o tramo da rúa Milagrosa, entre a rúa Doutor Yáñez Rebolo e Curros Enríquez, dando continuidade á Praza da Milagrosa e á rúa Divina Pastora, xa reformada para uso peonil.

Con tal fin cómpre a reurbanización total do espazo, dada a disparidade de pavimentos existentes e a distintos niveis, calzada e beirarrúa, con diversas pendentes, para acadar un senso de continuidade e permitir a correcta evacuación das augas. Así mesmo, darase solución aos distintos elementos de mobiliario da praza, coma o quiosco, xogos e bancos, cimprindo coas necesidades de funcionalidade dun espazo humanizado, zona de reunión, esparexemento e lecer.

A Praza da Milagrosa pavimentarase cun material urbano ecolóxico fabricado con elementos de reciclaxe, unha premisa enmarcada dentro do compromiso que ten o Goberno cun desenvolvemento respectuoso co medio ambiente. Manteranse os puntos de luz en fachada e as farolas existentes darán paso a un modelo de maior eficiencia, con iluminación LED.

Un dos obxectivos que o goberno local contempla con este proxecto é manter o arboredo actual e os espazos de descanso á sombra. Así, crearase unha zona de xardín no lado este, dotada de céspede e rego automático, conservando as árbores existentes e dispoñendo o mobiliario na súa contorna.

Asemade, colocaranse bancos de madeira e papeleiras. A zona de xogos retirarase da ubicación actual e esta zona pavimentarase a nivel co frente da igrexa, canalizando o tránsito peonil entre esta zona e a rúa Divina Pastora.

A zona de carga e descarga situarase no tramo da rúa Milagrosa, entre as interseccións con Doutor Yáñez Rebolo e rúa Mallorca, o que permite un acceso cómodo aos negocios; e a praza de aparcadoiro reservado a persoas con mobilidade reducida siturarase na rúa Doutor Yáñez Rebolo, próxima ao paso de peóns, o que garante un itinerario accesible ata a praza.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here