InicioEconomíaA nova xeración de emprendedores despega no CEI Nodus

A nova xeración de emprendedores despega no CEI Nodus

O Demoday do programa de emprendemento en colaboración coa EOI supón a presentación en comunidade de 18 novos proxectos innovadores

PUBLICADA O

- Advertisement -

Arte, arquitectura, instalacións, turismo ou unha plataforma dixital para o sector equino. O Centro de Empresas e Innovación de Lugo presenciou este xoves o primeiro voo dos participantes na terceira edición do Inicia Coworking, no que colaboran o Concello e a Escola de Organización Industrial (EOI). No Demoday, as persoas responsables de 18 proxectos innovadores tiveron a oportunidade de amosar, perante compañeiros, autoridades e posibles inversores, as bondades das incipientes empresas.

Javier Benito, director de Desenvolvemento de PEMEs da Escola de Organización Industrial (EOI) | Óscar Bernárdez
Javier Benito, director de Desenvolvemento de PEMEs da Escola de Organización Industrial (EOI) | Óscar Bernárdez

É o cumio dun proceso titorizado no que os emprendedores dispuxeron dun espazo común para aumentar as súas capacidades, cinco meses con programas de formación especializados e a compañía de mentores para que os proxectos muden en realidades. Entre as tres edicións, a iniciativa permitiu o lanzamento de 58 empresas baseadas en conceptos innovadores. O setenta por cento están xa en marcha e facturando, sendo máis da metade froito do liderado de mulleres, como salientou a alcaldesa Lara Méndez ao comezo da presentación.

Durante o Demoday abundou a ilusión, mais tamén o desexo de reformular a visión que a sociedade ten do fracaso. Entre presentacións houbo tempo para o relatorio dea inspiradora Marta Álvarez, impulsora da cosmética Muuhlloa e unha morea de ideas vencelladas o campo lucense e galego. As súas vivencias trasladaron moitas anécdotas, pílulas de humor e sobre todo filosofía para quen desexe emprender: actitude transformadora, diversificación, paciencia nas decisións (o modo aldea) e aproveitamento da economía circular.

Marta Álvarez, de Muuhlloa | Óscar Bernárdez
Marta Álvarez, de Muuhlloa | Óscar Bernárdez

Aliás, as protagonistas do gran día do Coworking foron as ideas innovadoras. Os nervios disipáronse rapidamente coa complicidade do público, receptivo e animoso con presentacións de todos os formatos. Houbo quen escolleu o vídeo, as diapositivas de toda a vida, ou formas máis teatralizadas. Mónica Márquez presentou o seu espazo de creatividade con pintura intuitiva, base dos obradoiros de alcance emocional e cultural para diferentes tipos de programas sociais ou laborais.

Mónica Márquez | Óscar Bernárdez
Mónica Márquez | Óscar Bernárdez

Outros comezaron tirando de historias, coma Verónica Cela e Pablo Yanes, responsables de Cabanas das Chousas. Este proxecto procura implantar en Galicia o glamping, un concepto que irmanda o aloxamento con lugares de interese ecolóxico. Estes dous compañeiros delineantes, apaixoados da arquitectura respectuosa, xa levaron a cabo algunha iniciativa semellante e queren seguir os pasos dos pioneiros mercé o aprendido no Cei Nodus. Din estar encantados cos mentores e o coñecemento que obtiveron para configurar a idea do negocio.

Pablo Yanes | Óscar Bernárdez
Pablo Yanes | Óscar Bernárdez

No eido construtivo compartiu espazo MICTRES –Ana Sierra, Iván Parada e Bruno Rodríguez–, que traballa os equipamentos e instalacións comerciais a medida. Logo dun ano no mercado, puideron expor exemplos de solucións específicas de mobiliario para negocios, decoración e outros elementos de acabado. Referido á reformulación de espazos causou interese tamén Mata Gallery Atelier, de María Mata, que procura conectar artistas con escaparates, obradoiros e exposicións, aproveitando o público das zonas comerciais e turísticas.

Eduardo Fernández Varela | Óscar Bernárdez
Eduardo Fernández Varela | Óscar Bernárdez

Gañou enteiros na presentación Eduardo Fernández, quen desvelou forocaballos.com fusta en man. A plataforma dixital do mundo equino aspira a ser “unha mestura de Amazon e o New York Times”, con información de especialistas en saúde e nutrición, e distribución para particulares e profesionais. Un novo entorno para un sector que en España move de xeito directo e indirecto o equivalente a dous terzos da poboación de Lugo.

Estelle Basquillon | Óscar Bernárdez
Estelle Basquillon | Óscar Bernárdez

O turismo tivo un escaparate propio no Demoday. Estelle Basquillon anunciou con aceno teatral Le Chemin Plus Loin (Alén do Camiño), entidade que acompañará na ruta xacobea a grupos de fala francesa, con apoio loxístico para un proceso de descubrimento individual e grupal. E Lidia de la Fuente será a primeira muller Guía Oficial de Galicia con oficina propia na cidade; no viveiro de empresas da Tinería ofrecerá o servizo multilingüe Camiños con Arte, que amosará o patrimonio artístico e natural da terra.

Lidia de la Fuente | Óscar Bernárdez
Lidia de la Fuente | Óscar Bernárdez

Calquera destes proxectos poderá ter o soporte de Patricia Fouce, emprendedora de Nós de Nos. A consultoría para asociacións con participación social apoiará a búsqueda de capital, asesorando na comunicación, formación e xestión administrativa. Curiosamente, o seu irmán Gustavo exerceu de mestre de cerimonias, a través de Kalamburu, asesoría para presentacións e postas en escena.

Óscar Díaz | Óscar Bernárdez
Óscar Díaz | Óscar Bernárdez

Deprender do fracaso foi un dos motivos de fondo da xornada. O proxecto de vivenda turística A Escola, de Óscar Díaz, amosou o proveitosa que pode resultar unha iniciativa empresarial que bateu frontalmente coa realidade económica da competencia, a fiscalidade das axudas dos Grupos de Desenvolvemento Rural e o custo de afrontar a administración dunha sociedade de baixa rendibilidade.

Algo que compartiron a maioría de proxectos foi o respecto polo medio ambiente. Mesiento, de Andrea Bárbara Meier e Lourdes Piñeiro, producirá bolsas reutilizables e ecolóxicas de deseño a partir de excedentes de produción de coxíns e outras telas recicladas, enfocándose tanto a empresas coma particulares. Para conmemorar a xornada de emprendemento, a organización do Coworking realizou o ritual, lanzando nun globo biodegradable os desexos e ilusións desta nova xeración de emprendedores.

ÚLTIMAS

Dous irmáns lucenses, promesas do piragüismo español

Un día de semana ás 10:00 horas da mañá en pleno verán, Hugo Argiz e...

O pleno municipal aproba esixir á Xunta que garanta o dereito das mulleres a abortar na provincia

O pleno do Concello de Lugo aprobou este venres, co voto a favor de...

Un conductor ferido grave tras caer por un terraplén no Corgo

O condutor dun vehículo resultou ferido de gravidade tras saírse da vía e caer por un...

Doa sangue e levarás gratis unha entrada para o cinema

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Centro Comercial As...