InicioPolíticaLugo pode quedar outro verán sen praia fluvial entre cruces de acusacións

Lugo pode quedar outro verán sen praia fluvial entre cruces de acusacións

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible denuncia un boicot da Xunta e dende o Partido Popular falan de "escusas" e "incompetencia"

PUBLICADA O

- Advertisement -

O máis probable é que Lugo pase outro verán sen a prometida zona publica de baño. Decepción a un lado, o anuncio por parte do concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro, deu comezo este venres a unha nova batalla dialéctica entre o Partido Socialista e o Partido Popular. Os primeiros acusan á Xunta de obstaculizar a iniciativa, mentres que os segundos din que foi o Concello quen foi incapaz de solucionar as deficiencias do proxecto, baseado na colocación de estruturas flotantes.

Segundo o goberno local, solicitouse o informe ambiental preceptivo o 27 de xullo de 2017, pero a Xunta non o entregou ata o 24 de xaneiro de 2018. Despois deste retraso, o executivo autonómico foi incorporando novas esixencias para autorización do proxecto, reiterando o seu cumprimento e solicitando constantes ampliacións nos datos xa facilitados.

O último requerimento da Dirección Xeral de Conservación da Natureza –dependente da Consellería de Medio Ambiente– entrou este xoves no Rexistro do Concello. Tal e coma manifestou o responsable municipal, nel solicítase antes de dez días unha batimetría de estiaxe que xa foi entregada o 18 de outubro de 2016; un plan de continxencia perante unha crecida repentida do río, nunca mencionado antes, pero innecesario polas estruturas previstas; un plan de retirada de residuos, cando xa existe lexislación ao respecto; e unha mostraxe de especies susceptibles de protección, malia que o Concello xa fixou medidas nese senso.

Así, e sempre segundo apuntou Daniel Piñeiro, a solicitude dun estudio de estiaxe implica que Lugo podería quedar este verán sen zona de baño, porque resulta imposible saber cando se producirán esas condicións de caudal ou se chegarán a producirse. O concelleiro avanzou que enviarán a documentación pero pediu que a Xunta sexa igual de rigurosa con outros proxectos con afectación ambiental como “na mina de Touro, na canteira de caolín de Triacastela, na canteira da Campa na que se sepultou un río, nos monocultivos forestais que hai en hábitats prioritarios, ou na eliminación do caudal ecolóxico dos encoros de Santo Estevo, Belesar e Ézaro”.

“Ao Partido Popular non lle chega con incumprir todas e cada unha das débedas históricas que a Xunta mantén con Lugo, Hemodinámica 24 horas, Museo da Romanización, Rolda Leste, Plan Paradai…, tratándonos como cidadáns de terceira, senón que trata de responsabilizar ao Concello da súa total inoperancia e discriminación aos lucenses”, concluíu Piñeiro, despois de cargar contra o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro. 

Esta versión indignou ao voceiro local dos populares, Antonio Ameijide, quen acusou ao goberno local de pór “escusas durante os últimos dez anos”. O representante do Partido Popular negou calquera tipo de boicot e achacou os problemas á “incompetencia” polas “innumerables deficiencias” do proxecto presentado. Ameijide sostén que a documentación entregada obviaba elementos básicos e que os requisitos presentados a comezos de ano pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza foron ignorados. Dende a formación emprazan ao Concello a imitar o traballo realizado en municipios limítrofes coma O Corgo ou Castro de Rei.

 

ÚLTIMAS

Lugo convértese no epicentro do cine galego cunha ambiciosa programación previa aos Premios Mestre Mateo

A Academia Galega do Audiovisual deu a coñecer en Lugo o programa de actividades...

Lugo aproba o anteproxecto de orzamentos locais previstos para 2026

A Xunta de Goberno local celebrada este mércores en Lugo deu o visto e...

Manteñen a pena de 26 anos para o autor do asasinato da lucense Cristina Cabo

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena contra o home...

Restricións en varias estradas da Montaña de Lugo pola neve

O temporal de neve que afecta a boa parte da península tamén ten moitas...