Son tempos doces para o goberno local de Lugo

A cidade apenas mudou dende comezos de ano, pero o executivo de Lara Méndez desfruta das incomparables vantaxes de gobernar

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, durante a celebración do Arde Lucus | OB

Adoita dicirse que, se ben a tarefa de goberno desgasta, peor é estar na oposición. Este mes de xuño viu a confirmar que hai certos beneficios dos que só pode desfrutar quen ostenta o bastón de mando. Os millóns de cemento dos que falaba a voceira de Ciudadanos efectivamente están a servir para acalar outros asuntos menos favorábeis á xestión da alcaldía. Dende abril van 1,6 millóns de euros en sete actuacións. É un tempo doce para o executivo local de Lugo.

Mais non son só os investimentos: a calor de festas coma o Arde Lucus distorsiona durante días a realidade mediática e social en favor do Concello, proporcionando unha plataforma de comunicación incomparable a nivel cidade. É tempo que gaña o equipo de Lara Méndez, tempo para atallar os problemas máis inmediatos e volver con datos positivos para a administración municipal. Na véspera do magno festexo histórico, a Concellería de Economía anunciou unha reducción drástica no tempo medio de pago a provedores, que pasou de 54 a 16 días, a metade do que esixe a lei.

Con todo, as débedas do grupo socialista seguen sendo as tarefas do día a día e a aplicación dos plans de mobilidade. Hai mecanismos que precisan de mellora, tanto nas licitacións coma nos servizos elementais. É por aí por onde ataca a oposición ultimamente, en especial co mantemento, conservación e delimitación dos espazos verdes; ou polo urbanismo, pola paralización das licenzas ou os defectos legais na aplicación da EDUSI.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do Concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro, presenta o novo carril bici EDUSI | Concello de Lugo

Tregua non haberá, pero xa non importan tanto os silenzos do executivo sobre a renovación do equipo da Policía Local, os contratos menores, ou caducados –ata 22 servizos pagados con reparo do interventor–. Os diferentes grupos lembran ó goberno local as súas responsabilidades, tamén a Xunta de Galicia, pero non é doado manter o discurso da paralización entre tanto anuncio. Nese senso, o apoio da Deputación está a ser decisivo.

Os orzamentos cambiaron o panorama político en Lugo máis do que cambiou a cidade, que segue agardando por cambios administrativos máis profundos. Nesta liña, está por ver se a contratación de persoal anunciada polo Concello –para corenta postos, das que polo de agora foron convocados doce– será abondo para salvar a xestión cotiá. Tamén pode ser determinante o impacto do proxecto de Ordenanza Cívica –a alcumada ordenanza mordaza–, parada sine die entre as presións dos empresarios locais e as protestas da asamblea. Cómpre lembrar que esta mesma situación xa se viviu hai case unha década.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here