
Hai 21 meses que caducou a licitación da publicidade no mobiliario urbano, que xa fora prorrogada en varias ocasións, en setembro de 2016. Entón xa o denunciara Lugonovo, que de novo advertiu da situación en 2017, e agora esta formación volve lembrar da inexplicable perda de recursos por parte do Concello de Lugo. Con todo, a empresa que xestionaba este servizo segue lucrándose grazas a estes espazos
Este aproveitamento irregular afecta ás marquesinas e os mupis, os soportes de cristal instalados nos grandes espazos públicos. A empresa estadounidense Clear Channel segue a indicar no sitio web a presenza en catro tipos de soporte en Lugo: play live, centros comerciales e mobiliario urbano.
E segundo os datos proporcionados pola axencia Oblicua, en Lugo hai 40 soportes con publicidade polas dúas caras a un prezo de alquiler de case 12.000 euros semanais (sen impostos), cifras que coinciden coas do sector local. Clear Channel nin sequera ten que asumir o mantemento das instalacións, pois corresponden á corporación municipal.
Dende Lugonovo denuncian que o executivo lucense é consciente da situación e non actúa para remediala. Coma explicou Cristina Pérez Herráiz, voceira do partido, “esta conivencia está a propiciar unha perda de ingresos para o Concello, pero tamén posibilita que un negocio particular se enriqueza a costa de apropiarse de mobiliario urbano. Un mes, dous, pode pasar, pero vinte e un… tanta deixadez dá que pensar”.
Así as cousas, esta formación pediu reiteradamente a redacción de pregos para unha nova adxudicación que asegure estes ingresos a través da competencia entre os diversos operadores. “Instamos ao executivo a por orde e rematar coas anomalías detectadas”, dixo Herráiz. En Lugonovo calculan que dende que caducou a licitación, a empresa podería ter embolsado uns 250.000 euros pola inoperancia do executivo local.