A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres o contrato de patrocinio para apoiar a oitava edición do Caudal Fest, que se celebrará os días 18 e 19 de setembro na contorna fluvial do río Miño. O acordo supón un investimento de 80.000€, un 60% máis que o destinado pola institución provincial en edicións anteriores.
Con este incremento, a Deputación de Lugo reforza a súa aposta pola promoción da cidade e da provincia, apoiando a celebración dun evento con capacidade para atraer miles de visitantes, xerar actividade económica e contribuír á proxección de Lugo como destino de grandes eventos.
A voceira socialista do Goberno recordou que “o apoio da institución provincial responde tamén ao importante retorno que o Caudal Fest xera para a cidade. Na edición do 2025 o festival reuniu a máis de 40.000 persoas e acadou, segundo os datos facilitados pola promotora, un impacto económico estimado de 15 millóns de euros. Ademais, xerou máis de 1.000 postos de traballo directos e outros 1.000 indirectos, con especial repercusión en sectores como a hostalería, o comercio e o transporte”.
Así mesmo, destacou que “o incremento do patrocinio responde á vontade da institución provincial de seguir apoiando iniciativas que contribúan á promoción de Lugo, á chegada de visitantes e á xeración de actividade económica, aproveitando a capacidade de convocatoria de eventos consolidados como o Caudal Fest”.
Mellora en tres estradas
No que ten que ver coa mobilidade, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación de tres proxectos por case 600.000€. En primeiro lugar, aprobáronse 219.303,81€ para levar a cabo as obras de reparación da totalidade da LU-P-4706, no municipio da Pobra de Brollón. “Trátase da vía que conecta o núcleo de Pacios da Veiga coa parroquia de Santa Cruz de Incio. Os traballos consistirán na reapertura de cunetas, reparación de danos e repavimentación”.
Adxudicouse tamén por 289.222€ a reparación dun treito da LU-P-6513, en Vilalba. Nesta vía mellorarase un tramo de practicamente 2 quilómetros -do 2,125 ao 4,000- que vai desde este municipio ata o límite provincial, pasando por Momán. Neste proxecto inclúese a reapertura de cunetas, a pavimentación con aglomerado en quente e a sinalización. Unhas obras que dan continuidade a outras obras realizadas pola institución nesta mesma vía coas que se arranxaron dous treitos: un desde o inicio da estrada ata a rotonda que dá acceso á A8; e outro desde o punto quilométrico 1,6 ata o 17,3 no que se realizou a reposición da sinalización horizontal.
No Concello de Rábade, a Deputación adxudicou por 62.900,69€ a mellora do tramo urbano da LU-P-5101, que conecta este municipio con Friol. Concretamente, o proxecto afecta aos primeiros 300 metros, desde o entronque coa N-VI ao longo de toda a rúa que dá servizo ao Cuartel da Garda Civil da localidade.
As obras neste caso consistirán no fresado da vía, pavimentación con aglomerado en quente e na colocación dunha rigola xunto ás beirarrúas para mellorar a drenaxe e a evacuación das augas pluviais. O prazo de execución destes tres proxectos -Pobra de Brollón, Vilalba e Rábade- será de catro meses unha vez comecen os traballos.
Renovación maquinaria do Parque Móbil
Cambiando de asunto, pero seguindo con cuestións que teñen que ver coa mellora da rede de estradas, a Xunta de Goberno aprobou tamén a adquisición dunha escavadora de cadeas de goma nova para o Parque Móbil da Deputación. O contrato foi adxudicado a Pedro Bardanca García por un importe próximo aos 155.000€.
García Porto recordou que “durante este ano a Deputación está a facer un importante esforzo para renovar e modernizar a maquinaria do Parque Móbil, con preto de 1,5 millóns de euros xa investidos na adquisición de novos equipamentos. Esta aposta permítenos contar con medios máis modernos e eficientes para desenvolver os traballos de conservación e mantemento da rede viaria provincial, mellorando a capacidade de resposta e contribuíndo a ofrecer un mellor servizo aos concellos e ao conxunto da cidadanía”.
Por último no que ten que ver coa mobilidade, a Xunta de Goberno aprobou a rescisión do contrato de desbroce correspondente ao Lote 20, que afecta aos concellos de Taboada e O Saviñao, debido ao incumprimento das obrigas contractuais por parte da empresa adxudicataria.
Axudas Reservas da Biosfera
Aprobada tamén a listaxe provisional de entidades sen ánimo de lucro que resultaron beneficiarias da segunda liña de axudas de concorrencia competitiva que convoca a institución provincial para realizar investimentos nas Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. En concreto, son 150.000€ para desenvolver 28 proxectos de investimentos que promova a posta en valor do patrimonio natural, cultural e paisaxístico destes territorios. Está previsto que nos vindeiros días a listaxe saia publicada no Boletín Oficial da Provincia.
Máis de 200 afeccionados do motor participarán na II Concentración do Motoclube Rábade Biker’s co apoio da Deputación
O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, xunto ao Secretario da Asociación Motoclube, Jesús Rozas, presentaron na Praza de San Marcos a II Concentración do Motoclube Rábade Biker’s, que se celebrará os días 22 e 23 de agosto e que conta cunha colaboración da institución provincial de 1.500 euros. A cita reunirá a máis de 200 afeccionados ao mundo do motor e inclúe un amplo programa de actividades así como un percorrido por Rábade, Friol e Cospeito.
Durante a presentación do evento, á que tamén asistiron outros integrantes e motoristas do colectivo, Carlos López avanzou que “se trata dunha cita que reúne aos amantes do motociclismo pero que tamén ten un impacto importante para o propio municipio, xa que atrae visitantes, xera actividade e axuda a dar a coñecer Rábade”.
O Deputado sinalou ademais que “desde a Deputación queremos apoiar precisamente ese tipo de iniciativas, actividades que dinamizan os concellos e que tamén contribúen á promoción da provincia. Por iso colaboramos con esta edición como mostra do noso compromiso con este concello e co tecido asociativo da provincia”, afirmou.
Unha concentración que conta cun amplo programa de actividades
A II Concentración do Motoclube Rábade Biker’s desenvolverase os días 22 e 23 de agosto cun amplo programa de actividades pensado tanto para os afeccionados ao motociclismo como para o público en xeral. Haberá rutas moteiras, concertos, sesións musicais, zona de acampada, postos de venda, comida popular e diferentes actividades que converterán Rábade nun punto de encontro para centos de amantes das dúas rodas durante toda a fin de semana.
