O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro presentou esta mañá o estudo sobre a ampliación do Pazo dos Deportes, un documento realizado pola empresa Antonio Desmonts Sierra que avalía as posibilidades de ampliación da capacidade do recinto e as condicións en que debería levarse a cabo a intervención.
O informe, asinado polos arquitectos Antonio Desmonts Sierra, Alfredo Antuña Presa, Daniel Villanueva Zarraolandia e Fran Mateos Cano, formula unha intervención orientada a incrementar a capacidade e abordar, de forma coordinada, outras melloras na funcionalidade, seguridade e accesibilidade do recinto, adecuando o pavillón ás demandas actuais de uso e ao seu potencial de modernización.
A proposta contempla a construción dunha nova estrutura perimetral no exterior do edificio, a altura da terceira planta. Este novo espazo permitiría habilitar novos corredores de distribucion e evacuación e ocupar os actuais con gradas fixas. A eventual intervención incrementaría a superficie construída do edificio -de 11.384,75 a 14.463,5 metros cadros – e ampliaría a capacidade do Pazo, creando 1.000 novas prazas para público .
A reforma requeriría a creación de escaleiras de evacuación e a instalación de ascensores para conectar os distintos niveis do edificio, atendendo a normativa sobre seguridade e accesibilidade ao recinto. Tamén se abordaría a ampliación dos pasillos deste a pista e as gradas móbiles, para garantir unha evacuación máis fluída e segura. Así mesmo contémplase a actualización das instalación de protección contra incendios e control de fumes en cuberta.
O estudo tamén propón a creación de novos aseos na planta superior e reforma dos actuais, a reconfiguración dos accesos e vestíbulo de entrada, as ampliacións das zonas administrativas e de bar e a reordenación do palco. O informe achega tamén unha estimación de custes de desenvolvemento do proxecto, que cifra en 13 M€.
O vicepresidente da Deputación Efrén Castro explicou que “coa presentación deste estudo cumprimos o compromiso adquirido de avaliar as posibilidades de ampliación da capacidade do Pazo. Foi un proceso complexo, que requeriu non só traballo de campo se non tamén de recompilación e análise de documentación sobre un edificio inaugurado en 1992, polo que valoramos a dispoñibilidade de Antonio Desmonts Sierra para realizar o estudo, avalado pola súa experiencia en instalacións deportivas”
Efrén Castro lembrou que “sempre defendemos que a reforma do Pazo había que abordala con rigor,a partir dunha proposta viable desde o punto de vista técnico e acotada tamén desde o punto de vista económico, que é o que fai este informe”. Destacou “que o estudo é un documento moi completo que formula a ampliación da capacidade cunha perspectiva integral, tendo en conta aspectos de seguridade, accesibilidade e funcionalidade do recinto” e valorou tamén “a solución estética que se propón, que se quere coidar tamén polo que significan CB Breogán e Ensino e polo que significa o baloncesto para esta cidade e para esta provincia”
A este respecto, o vicepresidente sinalou que “o estudo debuxa un camiño a medio prazo, que require da implicación de todas as administracións para concretarse. A Deputación investiu nos últimos anos preto de 2M € en actuacións de mellora e modernización do Pazo e do Anexo e está disposta a ser parte activa tamén nesta reforma, pero está claro que non pode asumir por si soa un proxecto desta envergadura” e avanzou que “como primeiro paso, achegaremos esta memoria a Concello, Xunta e Estado para que poidan analizalo e a partir de ai sentarse a falar”
Reordenación do palco: 116 novas prazas para o inicio da vindeira tempada
O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro avanzou que “unha das actuacións que se contempla no informe, a reordenación do palco de autoridades, se abordará de forma inmediata. A reconfiguración deste espazo, que se desenvolverá nos meses de verán, permitirá habilitar 116 novas prazas para público xeral nas gradas de cara a vindeira temporada”.
A reforma do palco de autoridades supón un novo paso na modernización e actualización das instalacións deportivas provinciais desenvolvidas nos últimos anos; entre elas, a renovación dos asentos do anel inferior e da iluminación, melloras de accesibilidade no exterior do edificio, traballos de pulido, vernizado e pintado da pista, limpeza integral da fachada, instalación de varandas nas escaleiras de acceso ou a impermeabilizacion da cuberta e a instalación do videomarcador.
As actuacións no Pazo súmanse intervencións no Anexo como a renovación do parqué da pista e a construción de novos vestiarios para os usuarios e usuarias desta instalación, que supuxeron un investimento conxunto arredor dos 2 M€.
