InicioSen categorizarVicepresidencia da Deputación

Vicepresidencia da Deputación

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Vicepresidencia da Deputación pon en marcha a segunda edición da Semana do Patrimonio Invisible, que abre as portas de espazos pouco coñecidos por toda a provincia

O prazo de inscrición para participar nestas visitas guiadas abre o xoves 28, ás 12.00 horas

Lugo, 26 de maio de 2026.-  A Vicepresidencia da Deputación de Lugo pon en marcha  a II Semana do Patrimonio Invisible da provincia de Lugo. Tras o éxito acadado na súa estrea, esta iniciativa pioneira regresa para abrir as portas de espazos históricos e culturais que, polas súas características, permanecen fechados ao público ou fóra dos circuítos turísticos habituais.

A deputada Iria Castro presentou esta tarde a iniciativa, que nesta edición medra en alcance, pasando de 10 a 12 localizacións e ofrecendo un total de 32 visitas guiadas, o que supón un incremento até as 505 prazas dispoñibles.  O ciclo desenvolverase ao longo de catro xornadas: o 6, 7, 13 e 14 de xuño.

A responsable de Cultura explicou que “reeditamos unha iniciativa que tivo un gran éxito o ano pasado e que descubre recursos patrimoniais pouco coñecidos, convidando a mirar con outros ollos espazos e edificios que, ás veces, temos moi preto”.

Neste sentido, a deputada remarcou “a importancia de promover o coñecemento da diversidade patrimonial da provincia para que o dinamismo social e cultural que xeneran estes recursos chegue a todo o territorio” e incidiu “na importancia de sensibilizar sobre a protección e conservación do patrimonio”

A selección de lugares ofrece unha enorme variedade de tipoloxías, dende o patrimonio industrial e hidráulico até o arqueolóxico, etnográfico ou relixioso, entre eles os tres espazos con maior éxito e demanda da primeira edición: o Encoro de Belesar, a Cova de Santalla de Lóuzara e os Mananciais de Mondoñedo.

Estes son os doce lugares:
• Encoro de Belesar (Chantada). Grazas á Semana do Patrimonio Invisible, poderase realizar unha visita aberta á cidadanía, a público non especializado, a unha das maiores centrais hidroeléctricas de Galicia.
• Pazo e igrexa de San Pedro de Bembibre (Taboada). Unha dobre visita para coñecer o importante condado de Taboada a través do fermoso pazo-fortaleza do século XV e a igrexa románica, onde descansan algúns dos seus señores.
• Pozo da neve de Piñeira (Monforte de Lemos). Por primeira vez ábrese ao público a sorprendente bóveda descuberta en Piñeira. Neste monumental “frigorífico” do século XVII, vinculado aos Condes de Lemos, conservábase o xeo para usos medicinais e de luxo, aproveitándose despois como adega.
• Fonte do balneario da Ferrería (O Incio). Este gran hotel balneario de 1892, construído sobre terreos do Conde de Campomanes, foi o refuxio de veraneo da alta sociedade atraída polas súas famosas augas ferruxinosas. Na visita faremos un percorrido pola aldea para entrar na Fonte das Augas.
• Cova de Santalla de Lóuzara (Samos). Comparte moitas características coas grutas calcarias da serra do Courel, na mesma área xeolóxica. No seu interior, o tempo e a auga labraron espectaculares formacións cársticas ao longo de milenios, conformando un atractivo e sorprendente espectáculo visual.
• Mazo de Ferreiravella e Forxa artesanal (Riotorto). En Riotorto os ferreiros manteñen viva unha tradición milenaria. Nesta dobre visita descubriremos o funcionamento do mazo —ese martelo xigante que doma o metal— e a mestría artesá necesaria para forxar as famosas fouces e coitelos da zona.
• Mananciais de Mondoñedo. Unha oportunidade única para entrar en galerías subterráneas e acueductos que conducen a auga ao centro histórico da vila.
• Pazo e igrexa de Vilabade (Castroverde) Coñecida como a “Catedral de Castroverde”, a igrexa de Santa María foi mandada construír en 1467 por Fernando de Castro como panteón familiar ao carón do seu pazo, que tamén se visitará.
• Cova dos Mouros (Baleira) Un dos tesouros arqueolóxicos máis sorprendentes descubertos recentemente en Galicia. Este abrigo rochoso garda nas súas paredes pinturas prehistóricas de cor vermella con trazos angulares e figuras antropomorfas que redeseñan o mapa da arte rupestre galega.

Inscricións desde o 28 de maio

O prazo para inscribirse abrirase o xoves 28 de maio ás 12:00h. Para garantir unha experiencia cultural de calidade e protexer a integridade dos bens, as visitas realizaranse en grupos reducidos. Como novidade, este ano o programa deseñouse por áreas xeográficas diarias. O obxectivo é facilitar que os participantes poidan asistir a unha visita pola mañá e a outra pola tarde nunha contorna próxima.

A participación é de balde, pero require reserva previa na plataforma oficial: patrimonioinvisible.gal. Seguindo unha estrita orde de inscrición, cada solicitante poderá reservar un máximo de 2 visitas para 2 persoas cada unha. As reservas serán confirmadas pola organización mediante correo electrónico.

+ posts

ÚLTIMAS

A Deputación pide un pacto contra o transfuguismo blindado por lei

O Pleno da Deputación de Lugo celebrado este martes sacou adiante unha iniciativa para...

O PP pide no Senado aumentar o investimento eléctrico en Lugo tras quedar Altri sen conexión

O PP empregou a súa maioría absoluta no Senado para aprobar este martes na...

O PSOE de Lugo esixe a Candia continuar co proxecto de praia fluvial nas Saamasas

O edil socialista Jorge Bustos esixe  a Candia que Lugo non perda os avances...

Reunión da Mesa Local de Comercio en Lugo depois de cinco anos desde a última convocatoria

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, mantivo unha reunión co presidente de la Federación...