InicioPolíticaO PSOE de Lugo esixe a Candia continuar co proxecto de praia...

O PSOE de Lugo esixe a Candia continuar co proxecto de praia fluvial nas Saamasas

Ante a proximidade do periodo estival, Jorge Bustos reclama ao actual Executivo municipal que aclare se pensa continuar coa tramitación desta iniciativa ou se, pola contra, renuncia definitivamente a que Lugo conte cunha praia fluvial pública

PUBLICADA O

- Advertisement -

O edil socialista Jorge Bustos esixe  a Candia que Lugo non perda os avances para acadar a súa praia fluvial. Bustos reivindica o traballo desenvolvido por Miguel Fernández e o seu equipo no anterior Goberno local para facer realidade unha praia fluvial pública no entorno do parque das Saamasas, un proxecto pensado para recuperar a relación da cidade co río Miño e ofrecer á veciñanza un espazo de lecer seguro, accesible e integrado na contorna natural.

Ante a proximidade do periodo estival, Jorge Bustos reclama ao actual Executivo municipal que aclare se pensa continuar coa tramitación desta iniciativa ou se, pola contra, renuncia definitivamente a que Lugo conte cunha praia fluvial pública. Os socialistas pedirán tamén coñecer que alternativas manexa o Goberno local para garantir unha zona de baño accesible á cidadanía e, no caso de que exista vontade de poñela en marcha este mesmo ano, cando prevé abrir ao uso público un espazo que leva décadas sendo unha aspiración colectiva dos lucenses.

Bustos lembra que o executivo liderado por Miguel Fernández avanzara xa nunha proposta concreta que abranguía tres sectores diferenciados: a zona dos Robles, o ámbito central do parque das Saamasas con acceso ao baño e unha terceira área de baño libre no entorno da recentemente rehabilitada Fábrica da Luz. Un proxecto que, segundo explica, “respondía a unha demanda histórica da cidadanía lucense e que pretendía compatibilizar o uso público do río coa protección ambiental do entorno”.

O concelleiro socialista advertiu de que as últimas informacións coñecidas sobre a prohibición permanente do baño en distintas zonas fluviais de Galicia “non poden converterse nunha escusa para deixar no caixón o traballo realizado”. Neste sentido, lembrou que o pasado 13 de maio se fixo público o listado definitivo da Dirección Xeral de Saúde Pública coas 42 zonas con prohibición permanente de baño por criterios relacionados coa calidade da auga e a seguridade sanitaria.

“En Lugo existe un precedente moi esperanzador, porque a única zona autorizada para o baño é precisamente a dun club privado situado a escasos metros da localización proposta para a nova praia fluvial, e ademais cunha cualificación de excelente”, sinalou Bustos, quen considera que este feito “avala a viabilidade da iniciativa e reforza a necesidade de seguir traballando para conseguir a autorización da Xunta”.

Bustos tamén puxo en valor o carácter tradicional da zona dos Robles como espazo de baño dos lucenses durante décadas. “Falamos dun lugar que forma parte da memoria colectiva da cidade e que reúne as condicións idóneas para materializar definitivamente esta idea”, afirmou.

Así mesmo, explicou que dentro do estudo de alternativas manexado polo anterior Goberno se contemplaba tamén a posibilidade de colaborar coa Deputación de Lugo para renovar e ampliar a zona de pantalán da escola de piragüismo. “Era unha solución técnica que permitía adaptar novas infraestruturas ás xa existentes, reducindo ao mínimo a afección sobre o leito do río e dando resposta ás esixencias ambientais formuladas pola Consellería”, indicou.

 

+ posts

ÚLTIMAS

A Deputación pide un pacto contra o transfuguismo blindado por lei

O Pleno da Deputación de Lugo celebrado este martes sacou adiante unha iniciativa para...

O PP pide no Senado aumentar o investimento eléctrico en Lugo tras quedar Altri sen conexión

O PP empregou a súa maioría absoluta no Senado para aprobar este martes na...

Reunión da Mesa Local de Comercio en Lugo depois de cinco anos desde a última convocatoria

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, mantivo unha reunión co presidente de la Federación...

A Deputación aproba MencIA, a estratexia de IA que se desenvolverá entre 2026 e 2030

  O Pleno da Deputación de Lugo celebrado este martes aprobou por unanimidade MencIA, a...