InicioEconomíaRestaurantes que se libraron do peche por poucos quilómetros: "Imos tirando, só...

Restaurantes que se libraron do peche por poucos quilómetros: “Imos tirando, só iso”

Coas novas restricións en Lugo, o Hostal Madrid (O Corgo) ou o Fompedriña (Outeiro de Rei) reciben clientes que antes non eran habituais alí. Non o celebran, conscientes da gravidade da situación: "Se isto non cambia, haberá que pasar media volta á chave".

PUBLICADA O

- Advertisement -

Apenas uns minutos pola N-VI separan a cidade de Lugo do termo municipal de Outeiro de Rei. Uns quilómetros case imperceptibles sobre rodas, pero agora definitorios. Mentres que no municipio lucense seguen activos o peche perimetral e mais as restricións para a hostalaría, estas medidas non se aplican en ningún dos concellos limítrofes. Case se puideron escoitar suspiros de alivio entre os hostaleiros de Outeiro, do Corgo ou Friol ao decatarse de que libraban do peche polos pelos.

“Aquí imos tirando, só iso”, di o responsable do Hostal Madrid, en San Cristovo (O Corgo). “Con iso de que non se pode pasar para Lugo, seguramente agora teñamos máis xente ca antes, pero tampouco moita, porque de Lugo non pode vir ninguén”. Nótase tamén que o “medo” segue presente entre a veciñanza, pois entre a clientela habitual faltan rostros coñecidos de persoas que agora non se atreven a saír tanto.

“SE ISTO NON CAMBIA, MEDIA VOLTA Á CHAVE”

Na zona de aparcamento do restaurante, situado poucos metros despois do linde municipal, fican todas as mañás unha morea de vehículos. “Polas mañás trabállase bastante ben”, admite o dono, pero non deixa oco á alegría, consciente de que a situación non é para nada positiva. O sector da hostalaría está a ser un dos máis golpeados, di, “e as axudas que dan non chegan nin para pagar a luz”.

De feito, non descarta ter que tomar decisións drásticas se a evolución non é favorable. Son xa moitos meses estraños e as cancelacións de banquetes pesan sobre os ombreiros. “Haberá que aguantar como se poida, pero se isto non cambia haberá que pasar media volta á chave”.

OBREIROS DO CEAO XANTAN EN OUTEIRO

Tamén á beira da N-VI, pero cara ao outro lado de Lugo, queda o Restaurante Fompedriña (Robra, Outeiro de Rei). Alí nótase unha maior afluencia de clientes á hora do xantar: “chavales novos que traballan no polígono do Ceao“, comensais que antes do peche de Lugo non frecuentaban este restaurante.

A proximidade co polígono industrial e o pouco tempo de descanso ao mediodía favorece que sexan moitos os traballadores que se achegan a locais de Outeiro de Rei para comer. “Aínda se nota. Igual hai días que damos unhas 12 ou 13 comidas máis ca antes”.

Porén, este lixeiro aumento contrasta coas tardes solitarias. “Antes da pandemia, a xente saía de traballar e viña tomar algo, paraban un cacho aquí. Agora non o fan, e os poucos que seguen vindo, quedan moi pouco tempo”. Ás dez e media este bar xa apaga as luces. Polo momento, séntense afortunados de acendelas cada día para atender os seus clientes e conversar con eles: “antes falábase de traballo, agora só se fala do coronavirus”.

+ posts

ÚLTIMAS

Xunta e Deputación de Lugo avanzan no consenso sobre o anteproxecto da Lei de Administración Local

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de...

Dous homes sentan no banco da Audiencia Provincial por unha pelexa con pa e aixada que acabou coa perda dun ollo na Fonsagrada

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo xulgará este martes, 21 de abril,...

O poemario “Agora, eu cariota” preséntase no Club de Lectura de Lugo

A presentación do poemario "Agora, eu cariota" no Vello Cárcere de Lugo contará coa...

Rueda “define” o xornalismo de proximidade como “preguntar, escoitar e contrastar” na entrega dos Puro Cora

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou este xoves na entrega do XXXIII Premio...