InicioEconomíaLugo ten o maior índice de accidentes laborais mortais de Galicia

Lugo ten o maior índice de accidentes laborais mortais de Galicia

A galega é a comunidade autónoma coa maior taxa de accidentes con mortos no traballo.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Galicia situouse en 2018 como a comunidade autónoma cun maior índice de accidentes laborais mortais, con ata 50 falecidos o ano pasado, o que supón 6,05 persoas finadas en xornada laboral por cada 100.000 traballadores, fronte á media estatal, que se situou en 3,24, segundo datos do ‘Informe de Sinistralidade Laboral en Galicia en 2018’ elaborado por Comisións Obreiras (CC.OO.).

O sindicato sinala que dos 50 mortos galegos, 48 foron homes, o que supón oito máis que en 2017, mentres que dúas foron mulleres, unha menos que o ano anterior.

Por provincias, na Coruña morreron o ano pasado 18 persoas mentres traballaban, 17 en Pontevedra, así como 12 en Lugo e 3 en Ourense. Con todo, o maior índice volve ser o da provincia lucense, xa que morreron 12,15 persoas por cada 100.000 traballadores.

Segundo destacou o secretario de Saúde Laboral de CC.OO., Roi Fernández, estes datos son debidos a tres causas principais. En primeiro lugar, pola “falta de traballo en prevención”, en segundo lugar “a alta precariedade do mercado do traballo en Galicia”, e ademais polo “elevado peso que os sectores primarios” teñen na economía, “onde se rexistran a maior parte destes sinistros”.

Por todo iso, CC.OO. pediu a derrogación da reforma laboral, xa que, ao seu xuízo, “fomenta a precariedade laboral”, polo que “está asociada aos accidentes de traballo”.

As causas máis frecuentes de mortalidade laboral foron os infartos e outras patoloxías non traumáticas, con 16 accidentes, un 32% do total, así como os esmagamentos e amputacións, con 12 casos, un 24% dos accidentes mortais. A continuación están os choques ou golpes contra obxectos en movemento (11), os afogamentos e sepultamentos (6) e as caídas ou golpes con esmagamentos contra obxectos inmóbiles, (5).

A pesca foi o sector de actividade con maior índice de incidencia de accidentes mortais. O segundo posto ocupouno a agricultura e o terceiro a construción. Por baixo da media só se situaron a industria e os servizos. Así mesmo, todos os sectores aumentaron os seus accidentes mortais menos a construción.

+ posts

ÚLTIMAS

Presentado o proxecto para crear oito novas rotondas de cara a axilizar o tráfico en Lugo

O primeiro tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, fixo público o proxecto de...

Rueda defende a moción en Lugo entre acusacións de “comprar poder” e “incumprir” os estatutos do PP

A sesión de control do Pazo do Hórreo anticipou este martes o guión que...

Abre a estrada que conecta Vilalba e Chavín pola Balsa despois de arranxar unha ponte

A Deputación vén de reabrir ao tráfico a estrada LU-P-6502, que conecta Vilalba e...

Case 20 actividades no Arde Lvcvs Cvltvral para celebrar o 25 aniversario da festa

O Arde Lvcvs Cvltvral despregará este ano unha programación con preto de 20 actividades...