O Cafés Candelas Breogán gañou ao Real Madrid (84-71) despois dun partido formidable onde destacou en defensa e no acerto na anotación, especialmente nas triplas. Os breoganistas suman o seu terceiro triunfo da tempada, todos eles no Pazo, onde hoxe viviuse un día para lembrar con prácticamente cheo nas bancadas e ante o delirio da afección, que desfrutou cada xogada. O Real Madrid anotou a súa primeira tripla no terceiro cuarto e só estivo acertado a nivel exterior no derradeiro cuarto cando o Breogán asinara a maior vantaxe: 26 puntos (73-47).
Os primeiros intres foron protagonizados por Aleksandar Cvetkovic, con 8 puntos para a primeira vantaxe breoganista (10-9). Cun palmeo de Walter Tavares remata o primeiro cuarto co Real Madrid por diante (20-21).
No segundo cuarto, o protagonista foi Salva Arco, que xogaba o seu primeiro partido no Pazo nesta tempada. Anotou 9 nove puntos prácticamente consecutivos. Cunha tripla de Christian Díaz, que confirmou a súa melloría, o Breogán colocábase 7 arriba (34-27). O conxunto lucense ampliaba a diferenza até o 45-34 cando se chegaba ao descanso despois de dous mates de Romaric Belemene, que vira reducido o seu minutaxe nos partidos previos.
Dúas triplas consecutivas de Johan Löfberg e 4 puntos tamén case seguidos de Salva Arco ampliaban a distancia a prol do Breogán no terceiro cuarto, que remataba o terceiro parcial con 23 puntos de marxe (70-47). O Real Madrid anotou a súa primeira tripla ao comezo deste terceiro cuarto a través de Jaycee Carroll.
No comezo do derradeiro parcial, o Breogán colocouse coa súa maior vantaxe a favor: 26 puntos (73-47). Dende aí, o Real Madrid reduciu distancias con acerto nas triplas a través de Sergi Llull (dúas), Klemen Prepelic (tres) e Santi Yusta (unha). Colocáronse 77-64, pero contestou Alec Brown cunha tripla. Posteriormente, unha penetración a aro pasado de Aleksandar Cvetkovic poñía terra de por medio (82-69). O Breogán xestionou con solvencia o treito final.
Salva Arco e Johan Löfberg foron os máximos anotadores do Breogán, con 13 puntos, polos 14 de Sergi Llull e Klemen Prepelic no Real Madrid.