Lugo será o punto de saída da decimocuarta etapa de La Vuelta 2020

O percorrido ciclista tamén pasará por outras localidades da provincia como Guntín, Monterroso, Antas, Chantada ou Monforte.

Ciclistas na edición de La Vuelta 2019 | La Vuelta - Sarah Meyssonnier

Lugo acollerá a saída da decimocuarta etapa de La Vuelta ciclista a España o vindeiro 4 de novembro. O tramo, de 205’8 quilómetros, percorrerá boa parte da provincia para logo rematar en Ourense.

Os ciclistas sairán de Lugo cara a Guntín, Monterroso e Antas de Ulla. Cambiarán de provincia para dirixirse ata Agolada, Lalín e Rodeiro, e logo volverán a terreos lucenses, onde pasarán por Chantada, subirán ao Alto de Escairón e irán ata Monforte de Lemos. Finalmente poñerán rumbo á capital ourensá, fin da etapa.

Perfil da 14ª etapa de La Vuelta 2020, con saída en Lugo | La Vuelta

A organización de La Vuelta deu a coñecer hoxe as datas das distintas fases da carreira, que se celebrará entre o 20 de outubro e o 8 de novembro. O inicio está pautado en Irún e a meta, en Madrid.

Amais da citada etapa, outras dúas tamén se disputarán na comunidade galega: a etapa 13, de Muros ata o Mirador do Ézaro (Dumbría); e a 15, que sairá de Mos camiño do Porto, en Portugal.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here