InicioCulturaA chairega Margarita Ledo: loita obreira, memoria e feminismo no seu filme...

A chairega Margarita Ledo: loita obreira, memoria e feminismo no seu filme ‘Nación’

A cineasta de Castro de Rei leva á gran pantalla a historia das antigas traballadoras dunha fábrica de louza, conflito que compara co actual "desmantelamento industrial" da Mariña. Nesta entrevista con EFE, Ledo afonda na súa maneira de facer cinema, nos asuntos que a moven e nos obxectivos que persegue.

PUBLICADA O

- Advertisement -

EFE | As antigas traballadoras da fábrica de cerámica Pontesa inspiraron á realizadora Margarita Ledo (Castro de Rei, 1951) a filmar ‘Nación‘, unha película na que decide “apagar a escuridade do silencio sobre as mulleres expulsadas do traballo industrial” conectando “pasado e presente” e “experimentación, documento e reflexión histórica”.

Pontesa funcionou como unha escola de organización en todos os sentidos. Alí as traballadoras conseguiron sentirse cidadás, porque tiñan un salario e, por tanto, tiñan dereitos“, explica Margarita Ledo nunha entrevista con Efe, na que asegura que as traballadoras, a pesar de estar nun réxime case de explotación, lembran eses anos “con felicidade”.

“Eu traballo coa memoria, pero coa memoria tamén como parte da imaxinación. Cando lembramos ficcionamos e iso notábase moi ben nelas, tanto para un extremo como para outro”, explica.

Cando en 2001 Pontesa pechou, non só o fixo unha das fábricas de louza máis importantes de Galicia, senón tamén un capítulo na vida de centos de traballadoras, que da noite para a mañá perderon parte da súa vida e volvéronse invisibles para a sociedade. O capitalismo feroz desposuíunas do seu traballo pero tamén as “enganou” durante moitos anos para non pagarlles o salario que merecían e que décadas despois as empregadas seguen reclamando ante a xustiza en forma de indemnización.

ALCOA, EXEMPLO DE MOBILIZACIÓN COLECTIVA

“Ao final estamos nas mesmas. É o capitalismo máis salvaxe. Deixar a unha rexión completamente desmantelada“, afirma a realizadora, que non dubida en comparar a historia destas mulleres coas que viven agora centos de empregados da multinacional do aluminio Alcoa na comarca da Mariña.

A mobilización é necesaria, é esa performance no espazo público que che permite transferir esa inxustiza a toda a sociedade. En Alcoa participa toda a contorna, todos están implicados porque forma parte dese tecido social”, explica Ledo, que considera que os sectores chaves e “estratéxicos” como a enerxía ou a auga deberían ser “públicos”.

“Nin os recursos minerais nin a enerxía nin a auga poden estar en mans privadas. Non se pode consentir que África estea esnaquizada polo coltán ou que se dea un golpe de estado en Bolivia polo litio”, engade a directora.

A MIRADA E A PEGADA DA MULLER

Comprometida coas loitas sociais, o feminismo e a memoria, en ‘Nación’ Ledo combina material de arquivo con testemuños reais e secuencias de ficción, unha engrenaxe na que a realizadora buscaba “a transferencia duns corpos a outros”, das mulleres reais que traballaron na fábrica ás actrices que as representan dunha forma simbólica.

“A parte máis escenificada acaba unificando, creando esa atmosfera case mitolóxica que configura o relato e permite coñecer como se produciu o desmantelamento da industria dos tres sectores máis representativos do traballo feminino, que foron a louza, o téxtil e a comida”, explica. Ás mulleres de Pontesa, que “ben poderían ser outras do sistema industrial”, pecháronlles as portas do mercado laboral. Con todo, elas non dubidaron en loitar, manifestándose e mesmo chegando a encerrarse na catedral de Santiago.

Autora de títulos como ‘Santa Liberdade’, ‘Liste, pronunciado Líster’ ou ‘A cicatriz branca’, Ledo afirma que nos seus traballos “sempre inclúe unha parte máis subxectiva”, unha proposta creativa “próxima á experimentación”, xunto ao documento e a reflexión histórica”, o que fai que ao final nas súas películas se ” engarcen” materiais de moi distinto tipo.

Xa sexa un arquivo oficial ou persoal, de baixa resolución ou sofisticado, para Ledo debe poder “entenderse” e “relacionarse” co resto da película, cos testemuños e coas secuencias de ficción, porque para ela o cinema, igual que o mundo, representa “moitas capas de tempos diferentes”.

“A parte documental, a parte de diferentes tempos e a parte máis escenificada ou a que simplemente é rexistro, vanse relacionando como se relacionan as cousas na vida”, sinala. Ademais, como demostra en ‘Nación’, a Ledo interésalle moito relacionar “o persoal co colectivo” e entender que non fala “en nome das mulleres”, senón “como muller”.

RECOÑECEMENTO

Como catedrática de Comunicación, a directora entende que é fundamental saber “desde onde se fala”, a posición que cada un toma ao falar. Por iso ela fai un cinema “pequeno”, de “baixo orzamento” e en galego, pois opina que “o dereito lingüístico é o mesmo para todas as linguas”.

A realizadora opina o cinema é un elemento que configura moito as sociedades porque “reúne moitos elementos dunha cultura” e “pode transmitir argumentos moi fortes ou posicións claves e entrar en debate nunha sociedade”, polo que defende o seu lado pedagóxico e considera fundamental “a alfabetización cinematográfica”.

Quizá por iso tamén lle fai especial ilusión recibir o premio Cineuropa, que recolleu este mércores en Santiago de Compostela, e que para ela supón “recoñecemento e visibilidade” ao seu traballo.

Ledo, que ademais obtivo recentemente un premio especial no Festival de Sevilla, celebra que a pesar da pandemia “continúen os festivais abertos como lugares de encontro” e espera que os expertos utilicen a razón e non automaticen todo, xa que para ela quedou demostrado que ninguén se contaxia nunha sala de cinema.

ÚLTIMAS

Un condutor borracho e drogado foxe tras ter un accidente e choca contra seis coches aparcados na rúa das Fontes

Un condutor ebrio foi interceptado pola Policía Local tras fuxir dun accidente e chocar contra seis...

O PP pide ao Goberno que “amplíe prazos e orzamentos” para a rehabilitación dos barrios da Milagrosa e Feijóo con fondos europeos

A presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, e a deputada lucense no...

Detida unha muller por violencia doméstica ao agredir ao seu home e a outra muller

Unha muller foi detida en Lugo acusada dun delito no ámbito familiar e de lesións por...

Detidos tres veciños de Vilalba acusados de vender pezas de coches por Internet e non remitilas aos seus compradores

A Garda Civil detivo a tres veciños do municipio lucense de Vilalba acusados de vender pezas...