InicioCulturaMúsica en directo sobre o río Miño para despedir o verán

Música en directo sobre o río Miño para despedir o verán

A terraza da UNED será o escenario onde toquen Allova e Atención Tsunami o vindeiro 30 de agosto, nun evento que organiza a asociación Tele-Clube. O fin de festa será no local Ho! Gruf da man de DJ Tristón.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A asociación cultural Tele-Clube quere despedir o tempo de verán dunha maneira especial, cunha festa que vai máis aló do musical. Dous concertos con vistas ao río Miño, na terraza da UNED, conforman a proposta que lanza este colectivo para o serán do vindeiro venres 30 de agosto. Os grupos Allova e Atención Tsunami serán os encargados de animar a tardiña. A celebración de fin de tempada estenderase pola noite no local Ho! Gruf, en Campo Castelo.

Dende Tele-Clube, suxiren aos lucenses desprazarse ata a zona da “nosa marabillosa Tolda”, para aproveitar o espazo do que dispón a Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) na cidade de Lugo. Baixo o solpor, poderase gozar de música electrónica por riba das augas do Miño. As portas abriranse ás oito da tarde, momento a partir do cal se ofrecerá unha pequena degustación con “delicias culinarias” que preparará o restaurante lucensePaprica‘.

MÚSICA ELECTRÓNICA

Os concertos virán da man de Allova e Atención Tsunami, dúas bandas diferentes que proveñen da Coruña e de Madrid, respectivamente. O primeiro deses proxectos musicais afonda no triphop e no indie electrónico da man de Alla Mikhayvola, cantante, pianista e compositora de orixe rusa. Logo de prodigarse no 17º Ribeira Sacra e na Osa de Mar e uns días antes de actuar no Festival de La Luz, Allova actuará coa súa banda na terraza da UNED para a veciñanza lucense. Ofrecerán cancións nas que mesturan o piano con outros instrumentos acústicos e cun directo no que cabe a improvisación a partir de loops. Ademais, adiantarán cancións do seu primeiro disco, que está a piques de ver a luz.

A iso das 21.30 horas será a quenda de Atención Tsunami, que “golpearán os nosos sentidos” e farán “rebentar a improvisada pista de baile”. Esta banda madrileña foi construíndo o seu propio camiño á marxe da industria (autoeditáronse en ‘Récords del Mundo’). Non lles foi tan mal, din dende Tele-Clube, xa que o seu anterior traballo, ‘Silencio en la retaguardia’ foi considerado o mellor disco do ano para El Mundo e o mellor de Madrid para Mundosonoro.

A FESTA SEGUE NO CENTRO

A festa non rematará nesta zona da cidade, senón que continuará no centro histórico da cidade. En concreto, no local Ho! Gruf (Praza de Campo Castelo, 52). O DJ Tristón (proxecto en solitario de Ismael de The Fakes) fará soar ritmos que evocan sons africanos ou rockeiros con tintes electrónicos, pero que tamén van dende a cumbia ata a ayahuasqueira.

Tele-Clube anuncia así esta proposta tan festiva e orixinal para deixar atrás os meses estivais e dicir, entre bailes, ‘Ola, setembro!’. As entradas poderanse mercar por anticipado nesta web, cun custe de 10 euros, ou ben agardar a facerse con elas na billeteira por 13 euros.

ÚLTIMAS

Arden varios colectores de madrugada na cidade de Lugo

Varios colectores arderon na madrugada deste mércores na Estrada da Granxa, na cidade de...

Ángel Pérez, novo alcalde de Guntín con 27 anos

O pleno do Concello de Guntín elixiu na tarde deste mércores como o seu...

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos depois

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos despois do seu último concerto nesta cidade....

Piden a absolución dun mozo de Vilalba acusado de violar á súa ex parella menor de idade

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo acolleu este martes a celebración do...