InicioCulturaSegue a medrar o número de estudantes de galego no Bierzo e...

Segue a medrar o número de estudantes de galego no Bierzo e Seabra

Un modesto incremento permite manter a tendencia positiva dos últimos dous cursos no programa de promoción da lingua galega nos territorios estremeiros

PUBLICADA O

- Advertisement -

O número de estudantes de galego nas comarcas estremeiras medra dun xeito discreto, aínda que constante. Así o constatou a comisión de seguimento do Programa de Promoción da Lingua Galega no Bierzo e Seabra, onde un total de 1.112 alumnos reciben clase neste idioma en dezanove centros educativos, incluída a Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada.

O programa deu comezo en 2001, ao abeiro da colaboración entre a Xunta de Galicia e a Xunta de Castela e León. Dende hai tres cursos, a materia de lingua galega pasou de contar con 980 alumnos a chegar a 1.112, un modesto avance que, malia todo, expresa un incremento lineal. Na actualidade, o ensino infantil e primario concentra a 927 estudantes, con outros 52 matriculados na EOI.

A meirande parte do alumnado de galego concéntrase nos colexios do Bierzo, concretamente, en trece centros de infantil e primaria e catro institutos. Tan só o CEIP Tuela-Bibey oferta este programa en Zamora, na vila de Lubián, preto da fronteira con Galicia.

Organizadores e representantes institucionais canda o alumnado de galego premiado nos I Premios Morales, na pedanía das Médulas | Grupo As Médulas
Organizadores e representantes institucionais canda o alumnado de galego premiado nos I Premios Morales, na pedanía das Médulas | Grupo As Médulas

Animados pola acollida da promoción do galego, os dous gobernos autonómicos ratificaron este modelo baixo a aposta de reforzalo con novas iniciativas de dinamización lingüística. As actividades específicas contempladas procurarán un maior achegamento do alumnado de Seabra e O Bierzo á lingua e cultura galegas. Por outra banda, o programa implementarase en novos centros de ensino.

No marco da reunión acordouse facer extensiva a visita de estudos a Galicia, que ata agora vén facendo alumnado do Bierzo, ao alumnado de Lubián; programar unha actividade de dinamización lingüística arredor do Camiño de Santiago e en colaboración coa Xunta de Castela e León; e pór en marcha unha campaña de promoción do programa e de sensibilización dirixida ás familias co obxectivo de poder integrar nel, o curso que vén, o CRA leonés de Vega de Valcarce.

Centros participantes

Os centros de secundaria e ensinanzas especiais, os IES adscritos ao programa, son o Bergidum Flavium de Cacabelos, o Padre Sarmiento de Vilafranca do Bierzo, os Europa e Virgen de la Encina de Ponferrada, e mais a Escola Oficial de Idiomas, tamén na capital da comarca berciana.

No caso dos centros de infantil e primaria, en León son CEIP da Quinta Angustia de Cacabelos, CEIP San Ildefonso de Camponaraya, CRA de Carucedo, CRA Jimena Muñiz de Corullón, CRA Cubillos del Sil, CEIP Compostilla de Ponferrada, CEIP Jesús Maestro de Ponferrada, CEIP Virgen del Carmen-La Placa de Ponferrada, CEIP Valentín García Yebra de Ponferrada, CRA del Puente de Domingo Flórez, CEIP Mª Luisa Ucieda de Toral de los Vados, CEIP de Toral de Merayo e CEIP San Lorenzo de Brindis de Vilafranca; e, en Zamora, CEIP Tuela-Bibey de Lubián. 

Da comisión de seguimento participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a subdirectora xeral deste departamento, María Lourdes Batán; o alcalde de Lubián, Felipe Lubían; o director xeral de Política Educativa Escolar da Junta, Ángel Miguel Vega Santos; e a xefa de Servizo de Ordenación Académica, Títulos e Convivencia da Dirección Xeral de Política Educativa e Escolar, Marta Piñeiro Ruiz; o director provincial de Educación de Zamora, Fernando Javier Prada Antón; e Gerardo Álvarez, en representación do Consello Comarcal do Bierzo.

O Bierzo premia as creacións literarias dos estudantes de galego

ÚLTIMAS

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...

Rexeitamento da Deputación de Lugo á instalación da planta Altri en Palas

A Deputación de Lugo manifestou a súa oposición á planta de Altri no municipio...