InicioCulturaO Bierzo premia as creacións literarias dos estudantes de galego

O Bierzo premia as creacións literarias dos estudantes de galego

A primeira edición dos Premios Morales seleccionou e editou os mellores traballos literarios baseados no poema Os Magostos, escrito en galego berciano en 1861

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Bierzo celebrou esta fin de semana a primeira edición dos Premios Morales, adicados á promoción do galego na comarca leonesa. A pedanía das Médulas, no Concello de Carucedo, foi escenario dun certame en honor de Antonio Fernández Morales, auspiciado pola Real Academia Galega, o Instituto de Estudos Bercianos, o Grupo As Médulas, e Edicións Positivas.

O galardón conta asemade co patrocinio da Xunta de Galicia –a través da Dirección Xeral de Política Lingüística– e a Xunta de Castela e León, así como do Consello Comarcal do Bierzo. Representantes de todas estas entidades acompañaron ao alumnado premiado nos I Premios Morales, que na estrea tomou a denominación de ‘Tras os pasos de Morales: Os magostos‘.

Os traballos seleccionados, baseados na obra de Morales, formarán parte dunha publicación presentada durante o acto. Na escolla valorouse a orixinalidade, a creatividade e innovación. Os máis pequenos contribuíron con debuxos acerca de Os magostos, mentres que os estudantes de galego de primaria, secundaria e da Escola Oficial de Idiomas achegaron pezas literarias, nas que se observou especialmente a calidade lingüística.

Organizadores e representantes institucionais canda o alumnado de galego premiado nos I Premios Morales, na pedanía das Médulas | Grupo As Médulas
Organizadores e representantes institucionais canda o alumnado de galego premiado nos I Premios Morales, na pedanía das Médulas | Grupo As Médulas

O poema Os magostos, escrito en galego berciano por Antonio Fernández Morales en 1861, está dispoñible na web do Grupo As Médulas. Trala entrega de premios, comezou un contacontos para cativos e maiores a cargo de Paula Carballeira, na incomparable contorna das Médulas. E na praza principal da pedanía das Médulas, celebrouse o tradicional magosto, no que non faltaron o lume, as castañas e o viño. A ocasión contou coa orquestra Os Pamplinas.

O programa de promoción do galego no Bierzo e en Sanabria, iniciado pola Xunta de Galicia ano 2001, acadou este curso 17/18 os 1101 alumnos e alumnas con dezanove centros adscritos (só un na provincia de Zamora, o resto en León) nestas comarcas estremeiras. A estes hai que engadir un cento de estudantes de galego da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada.

Participaron do evento Manuel González Prieto, membro do Grupo As Médulas para a lingua e cultura galegas do Bierzo; Paco Macías, director de Edicións Positivas, e membro da comisión organizadora dos premios; Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro; Héctor Silveiro, membro correspondente da Real Academia Galega polo Bierzo; Ana Carballo, vicetesoureira e membro responsable da sección de lingua e literatura do Instituto de Estudos Bercianos; Iván Alonso, vicepresidente do Consello Comarcal do Bierzo; Alfonso Fernández Pacios, alcalde de Carucedo; Francisco Javier Álvarez Peón, Inspector da Área de Inspección Educativa da Dirección Provincial de Educación de León; Lourdes Batán Aira, subdirectora Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

ÚLTIMAS

“Sempre en Galiza. 1944-2024”, inaugurada no Museo Provincial de Lugo

A mostra, comisariada por Henrique Monteagudo e coordinada por Xesús Domínguez Dono, plásmase en...

Senadores do PP provincial piden explicacións sobre a rehabilitación da A-6

Os senadores do PP lucense rexistraron este venres unha pregunta na Cámara Alta dirixida ao Goberno...

A Deputación de Lugo presentará en Fitur a campaña ‘Provincia de Lugo. Mergúllate na maxia das súas augas’

A Deputación de Lugo presentará a súa nova campaña de turismo, 'Provincia de Lugo. Mergúllate na...

Os senadores do PP por Lugo defenden as 159 iniciativas presentadas en 2024, co sector rural ou Alcoa no foco

Os senadores do Partido Popular pola provincia de Lugo José Manuel Barreiro, José Manuel...