O mito do sacauntos viaxa ao Bierzo da man da nova novela da escritora Helena Tur

Sitúa nesta comarca a acción do seu novo libro con Manuel Blanco Romasanta coma un dos protagonistas.

Imaxe de Manuel Blanco Romasanta, coñecido como o home lobo galego / lifeder.es

A escritora ibicenca Helena Tur rescata o mito do ‘sacauntos’ e baséase na historia real do asasino Manuel Blanco Romasanta para construír un relato de ficción ambientado na comarca leonesa do Bierzo no século XIX en ‘Malasangre’, novela de suspense e terror publicada por Praza&Janés.

Apicultores, fidalgos, contrabandistas, orfas, aldeáns, carlistas e isabelinos campan nun relato que bebe de Jane Austen ou Charlotte Brontë e cuxa saída á venda produciuse o pasado día 18 tras aprazarse en abril pola pandemia de coronavirus.

Unha moza orfa chamada Henar viaxa ata o Bierzo para traballar nunha granxa de abellas xusto cando empezan a aparecer na comarca nenas asasinadas cun corte no pescozo e sen sangue no corpo. No medio dese panorama, a protagonista descubrirá ao longo das 400 páxinas do libro o amor que non coñeceu na súa infancia ao encariñarse coa filla dos señores, á que coidará e protexerá coma se fóra da súa familia, e coñecerá a paixón nos brazos dun buscavidas que foxe tras cometer unha estafa.

Indagando sobre o Bierzo, paisaxe que se converte nun protagonista máis do libro, Helena Tur atopouse con historias como a de Manuel Blanco Romasanta, autor confeso de 13 asasinatos durante o século XIX.

Documentado como un caso de licantropía clínica, Romasanta, de orixe galega, librouse por este motivo da pena capital á que fora condenado. A pesar de que cumpriu cadea perpetua, descoñécese de certo onde morreu e onde foron a parar os seus restos.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here