A inesgotable achega de Patrimonio dos Ancares engade a localización dun novo castro na bisbarra, desta vez, no concello de Navia de Suarna. Trátase dun xacemento castrexo descuberto no lugar do Chao do Castro, no Tabillón, parroquia de Muñís.
Encol dun promontorio de pizarra, a 358 metros de altitude, sitúase un castro de forma irregular. Como é costume nestes asentamentos, o emprazamento ofrece importantes defensas naturais. O acceso realízase polo sur, posto que as caras oeste e leste ostentan fortes pendentes cara o meandro que forma o río Rao antes de desembocar no Navia.
Segundo explica o historiador e divulgador Xabier Moure en Historia de Galicia, pode apreciarse que o espazo superior foi nivelado, eliminando os afloramentos. Na superficie atopáronse numerosos anacos cerámicos, algúns deles pertencentes ao que supostamente eran recipientes de uso doméstico.
No acceso cara o interior do castro vese con claridade un foxo escavado na rocha. E dende o cumio pode observarse unha abraiante panorámica sobre o Navia e os montes da contorna. O bo estado de conservación do xacemento explícase pola situación, un solo agreste que non foi empregado para tarefas agrícolas nin forestais.
Dende Patrimonio dos Ancares consideran que, sen dúbida, a ubicación no Chao do Castro servía para controlar a explotación mineira. Preto deste xacemento sitúase o castro de Vilarantón; nos dous quilómetros que separan ambos asentamentos hai documentadas 15 explotacións auríferas da era romana.
As instalacións da minería de época romana dos Ancares son, malia a súa abundancia, practicamente descoñecidas. Así as cousas, Moure ilustra a importancia estratéxica da zona para os romanos con datos clarificadores: só no termo municipal de Navia de Suarna detállanse 50 explotacións auríferas, 47 xunto ao río Navia.
Patrimonio dos Ancares contabiliza outras 55 minas do mesmo período en Cervantes, outras 7 en Becerreá, 6 en Pedrafita do Cebreiro e outra no límite deste concello coas Nogais.
Como curiosidade, no Chao do Castro consérvase unha alvariza –cortín nos Ancares– duns 12 metros de diámetro. Este rexo muro circular empregouse para protexer as colmeas dos depredadores, nomeadamente osos. A alvariza é moi posterior ao castro.
O achado do conxunto foi comunicado a Patrimonio da Xunta de Galicia para que procedan a catalogalo no inventario de bens patrimoniais.
Xabier Moure, divulgador: “A alternativa ao despoboamento é o patrimonio”