InicioPolíticaO contrapoder de Suplusa chega á súa fin

O contrapoder de Suplusa chega á súa fin

O deputado díscolo Manuel Martínez empregaba a sociedade do solo para facer oposición ao goberno da Deputación – A xustiza anulou de facto esta práctica desleal auspiciada polo Partido Popular

PUBLICADA O

- Advertisement -

O pacto entre Manuel Martínez e o Partido Popular topou coa xustiza. O fallo da Audiencia Provincial de Lugo supón de facto a fin do poder da Sociedade Urbanística Provincial de Lugo (Suplusa), ou máis ben do contrapoder exercido dende o ente, encargado –entre outras funcións– de construír e xestionar as residencias da terceira idade na provincia. Este revés xudicial pon freo a unha práctica política que avanzaba dende a deslealdade cara a compra de favores con salarios públicos.

De xeito resumido, a Audiencia Provincial declarou nulas as modificacións realizadas polo Partido Popular nos Estatutos de Suplusa, na xunta xeral do 30 de setembro de 2016. Aquela manobra aproveitara a división do grupo socialista para que o presidente da Deputación, Darío Campos, deixara de ser presidente da sociedade provincial do solo. Os cambios afectaron tanto á composición do consello de Suplusa como á forma de elixir a presidencia do ente.

Un ano máis tarde, a reconciliación entre Manuel Martínez e o Partido Socialista fixo que o alcalde de Becerreá acadara a vicepresidencia da Deputación e a presidencia de Suplusa. Esta situación, con todo, non duraría moito. Os reiterados enfrontamentos co grupo dos socialistas levaron a Martínez a facer oposición interna, votando a favor da reprobación de Darío Campos e recuperando as competencias de apertura de residencias para Suplusa. Todo, coa participación necesaria do Partido Popular.

Manuel Martínez, alcalde de Becerreá, é deputado non adscrito e concorrerá nun partido independente aos próximos comicios

Por mor deste comportamento, o PSdeG suspendeuno de militancia cautelarmente, e foi apartado da vicepresidencia e a xestión territorial o pasado 11 de abril. A situación límite produciuse a finais de maio, logo de que Martínez e os populares chegaran a un acordo polo que pasaría a cobrar 57.000 euros anuais coma presidente de Suplusa, cando nunca existiu retribución polo posto. Nese acordo tamén estaba contemplada a contratación dun asesor por outros 41.000 euros. En resposta, o voceiro dos socialistas presentou unha moción de urxencia para a disolución do ente.

Dado que só o pleno pode retirar os medios propios á sociedade urbanística, a perspectiva do goberno provincial semellaba pouco alentadora: con Manuel Martínez coma deputado non adscrito, os socialistas contan con dez deputados e os nacionalistas con dous, fronte aos doce do grupo popular. Xa na sesión plenaria, a expulsión do belixerante deputado díscolo permitía a aprobación da moción urxente, polo voto de calidade do presidente Darío Campos; mais os populares deixaron o salón de plenos antes da votación, de xeito que non houbo quorum.

A situación de empate semellaba ir para longo, de novo cos secretarios da Deputación e de Suplusa alimentando a guerra de informes sobre as potestades das dúas entidades. Martínez mantiña a axenda de inauguracións mentres a Deputación pedía a devolución das competencias de xestión. Secasí, o fallo xudicial invalida a estrutura de poder compartida entre o deputado díscolo e o Partido Popular. O consello de Suplusa, que perde a potestade de xestión das residencias, deberá volver ao reparto orixinal e perderá a capacidade de elixir presidente. Noutras palabras: Martínez xa non poderá obter máis poder e emolumentos a cambio de votar xunto ao PP no pleno da Deputación.

ÚLTIMAS

Ferido o condutor dun tractor tras caer por un desnivel nunha zona forestal de Becerreá

Un home resultou ferido este mércores tras unha caída desde un tractor, que acabou...

Investigados catro homes por roubar 250 metros de cable telefónico en Quiroga

A Garda Civil de Lugo investiga a catro veciños de Ponteareas como presuntos autores...

O PP de Lugo denuncia un “estado total de abandono” do Museo Interactivo de Historia

O Partido Popular de Lugo acusou ao Goberno local de ter "nun estado total...

Preestrea do filme ‘Sirat’ de Óliver Laxe en Navia de Suarna este domingo

O director galego Oliver Laxe preestreará a súa nova película 'Sirat' este próximo domingo,...