Grotesca imaxe a de hoxe no pleno da Deputación de Lugo. Foi absoluto protagonista Manuel Martínez, deputado non adscrito, expulsado por dúas veces da sesión. Antes de comezar, a ocasión prometía lea pola proposición do grupo socialista de suprimir o ente provincial que preside Martínez. Dende o primeiro momento quedou patente a actitude belixerante do deputado e alcalde de Becerreá. O presidente, Darío Campos, finalmente tivo que solicitar a presencia da seguridade para poder rematar o pleno, entre os berros de quen xa foi apartado hai un mes da vicepresidencia da Deputación e suspendido cautelarmente de militancia no PSOE.
Malia que semellaba evidente que habería liorta, o pleno da Deputación sublimou en apenas media hora, cando estaba en cuestión a Relación de Postos de Traballo. Durante a resposta do grupo socialista mencionouse o novo soldo de Manuel Martínez coma presidente da Sociedade Urbanística Provincial de Lugo (Suplusa), o que levou ao deputado díscolo a pedir a palabra por alusións. Logo de que se lle negara a réplica, a insistencia de Martínez levou ao presidente da Deputación, Darío Campos, a pedirlle que abandonara o pleno.
Dentro da normalidade que permitían as circunstancias, o pleno proseguiu por case dúas horas. Logo dun breve receso e a marcha dos integrantes do Partido Popular, chegou o momento de debatir unha proposta feita precisamente por Martínez. Cando Campos interpelaba ao voceiro do Bloque Nacionalista, reapareceu. «De verdad vais a debatir una moción sin que esté el diputado que la presenta?».
Cos presentes dirixindo as miradas cara o segundo andar, Martínez desquitouse contra o presidente da Deputación, a quen chamou «partidista impresentable» e retou a que chamara á seguridade. «Llama a quien quieras», espetoulle, «va siendo hora de que tengas un poco de decencia, eres un títere». Despois de esixir a «Darío I el reprobado» que cumplira coa lei, continuou no desafío cun «llama a seguridad si tienes valor». Entre risos e asubíos, Martínez enfrontouse á bancada socialista: «Mira que sois sinvergüenzas políticos. O es que aquí solo votáis cuando tenéis mayoría de votos? Silbad, reíros, que se os da muy bien… compurgar derechos también!».
Cando dous axentes pediron a Martínez que cesara e marchara do pleno, o deputado dixo que non abandonaba a sala porque «me parece un insulto, a la política y a las personas que represento». Incluso tivo verbas para os gardas, a quenes lles pediu «tirad más fuerte, que así no vais a poder». Os responsables de seguridade forzaron a saída de Martínez, quen aínda tivo tempo de decirlle a Campos que «el espectáculo lo das tú, es lo único que haces». Pouco despois do esperpento, concluíu o pleno.
A situación de Suplusa
Previamente ao pleno, os socialistas anunciaron que tentarían introducir unha moción de urxencia para a disolución de Suplusa. Ante a proposta, o grupo popular anunciou que votaría en contra, e finalmente abandoou o pleno.
No entanto, non se puido abordar a disolución porque para debater unha moción de urxencia cómpre contar coa maioría absoluta de deputados na sesión. Así, o PP evitou que a moción fose aprobada cos votos do PSOE e do BNG (debido á ausencia de Martínez).
Os populares acusaron ós socialistas de «manobrar» coa expulsión do alcalde de Becerreá para disolver Suplusa e que, por iso, decidiron deixar o salón de plenos. «Cada vez saímos máis preocupados porque isto era unha manobra para que puidesen ter maioría suficiente para aprobar a disolución de Suplusa, que é o que a eles lles preocupaba», subliñou a portavoz do PP provincial, Elena Candia. Por outra banda, Darío Campos dubidou da «legalidade» da intención e aprobar unha nova masa salarial con novo persoal a entidade provincial.
O PSOE quere disolver Suplusa tras perde-lo control do ente provincial