Home Política Primeiros pasos da Deputación para integrar os cinco GES no Consorcio Provincial de Bombeiros

Primeiros pasos da Deputación para integrar os cinco GES no Consorcio Provincial de Bombeiros

0
Primeiros pasos da Deputación para integrar os cinco GES no Consorcio Provincial de Bombeiros

 

A presidenta da Deputación, Carmela López, xunto á deputada Pilar García Porto e persoal técnico da institución mantivo este xoves unha reunión con representantes dos GES (Grupos de Emerxencias Supramunicipais) para comunicarlles que, tal como se comprometeu públicamente hai uns meses, a Deputación está en condicións de iniciar o traballo coa Xunta de cara á integración destes grupos no Consorcio Provincial de Bombeiros, organismo do que forman parte ambas administracións.

A Deputación incluirá nos Orzamentos do próximo ano, que a presidenta presentará o vindeiro luns no Parlamento de Galicia, a partida económica que lle corresponde aportar á Deputación para esa integración. A outra metade debe ser consignada pola Administración autonómica, que hai uns meses solicitou a López unha proposta de reforma do Consorcio.

A Deputación conta xa con ese documento, cuxas liñas xerais deu a coñecer este xoves aos GES, representado a través da Agesga (Asociación de Bombeiros de Galicia). Inclúe unha proposta de integración tanto de medios materiais como persoais, unha proposta de estrutura organizativa  e unha folla de ruta, que pasaría pola creación dunha mesa técnica para a reforma administrativa e estatutaria do Consorcio.

“Sabemos que o actual modelo precisa evolucionar para cubrir adecuadamente todo o territorio provincial e para poder facer fronte aos cambios que se están a producir en materia de emerxencias. E neste obxectivo, queremos avanzar no diálogo iniciado hai uns meses coa Xunta de Galicia”, afirmou a dirixente provincial.

Partidas para reforzar o GES de Cervo e crear un parque de bombeiros na Montaña

A presidenta da Deputación tamén informou aos representantes dos GES doutras dúas medidas dirixidas a mellorar e ampliar os servizos contra incendios e de emerxencias na provincia nas que a institución tamén provincial están dando pasos. Os Orzamentos de 2027 recollerán partidas que permitirán ampliar o cadro do persoal do GES de Cervo, tal como veñen demandando os traballadores deste servizo e o propio Concello. A Deputación garantirá a parte que lle corresponde aportar para pasar de 12 a 18 traballadores.

Igualmente, López cumpre co compromiso de empezar a traballar para dotar os concellos da Montaña dun parque de Bombeiros, xa que se trata dunha comarca onde neste momento non é posible cumprir os tempos de resposta ante incendios ou outro tipo de emerxencias.

Aportacións e valoración dos representantes dos GES

A reunión cos representantes dos GES tamén serviu para que, unha vez máis, estes fixeran suxestións para revisar un modelo de atención ás emerxencias que quedou obsoleto e que ten eivas. Os representantes dos GES celebraron as noticias que lles trasladou a presidenta provincial. “Para nós é un paso importante. Agradecemos o traballo e agardamos que esta sexa a primeira reunión de moitas”, Julio Rivero, presidente da Agesga.

XORNADA “A REPRESIÓN DAS MULLERES. O PATRONATO DE PROTECCIÓN A LA MUJER”

O Pazo de San Marcos acolleu este xoves a xornada A represión das mulleres. O Patronato de Protección a la Mujer, organizada pola Deputación de Lugo e a Fundación Luis Tilve no marco do programa Lugo con Memoria. Na apertura, a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, destacou a importancia de recuperar a memoria das mulleres que sufriron esta forma de represión e avanzar no seu recoñecemento. “Recuperar a memoria non consiste unicamente en lembrar os feitos, senón tamén en escoitar as vítimas, investigar o sucedido e darlles o recoñecemento e a reparación que merecen”, afirmou.

García Porto subliñou a responsabilidade das administracións públicas na recuperación da memoria democrática e na transmisión ás novas xeracións dunha historia na que “todas as vítimas teñan o seu lugar”. Tamén agradeceu á Fundación Luis Tilve a colaboración na organización do encontro.

A xornada enmárcase no programa Lugo con Memoria, impulsado pola Deputación de Lugo para divulgar episodios e figuras relevantes da historia local e nacional e contribuír á recuperación da memoria democrática. Participaron a xornalista e escritora Montse Fajardo, a investigadora posdoutoral da Universidade de Santiago de Compostela Tamara López Fernández e a avogada e investigadora Silvia Fernández Quinteiro. A mesa estivo moderada por Guillerme Pérez Agulla, director da Fundación Luis Tilve.

Lugo, un territorio clave na rede do Patronato

A xornalista e escritora Montse Fajardo, autora de Caídas: achegamento ao Patronato de Protección a la Mujer en Galicia, contextualizou o funcionamento deste organismo en Galicia e, especialmente, en Lugo. Explicou que o Patronato, activo entre 1941 e 1985, utilizou a suposta protección das mulleres como pretexto para controlar e castigar aquelas que se afastaban do modelo de nai e esposa católica imposto pola ditadura. Moitas mozas eran internadas por motivos como chegar tarde á casa, sacar malas notas ou quedar embarazadas fóra do matrimonio, mesmo como consecuencia dunha violación, e nos centros sufrían adoutrinamento relixioso, privación de liberdade e explotación laboral.

Fajardo destacou o papel de Lugo nesta estrutura represiva, xa que a provincia acolleu o centro Nuestra Señora de los Ojos Grandes, xestionado polas Madres del Buen Pastor desde 1953, e chegou a contar con dez xuntas locais do Patronato. Integradas por persoas afíns ao réxime, estas elaboraban informes sobre a moralidade das mulleres e participaban nas decisións sobre o destino das mozas. A investigadora lembrou tamén as graves consecuencias dos internamentos e da presión exercida sobre as internas, que nalgúns casos chegaron ao suicidio.

“A culpabilidade recaía nas mulleres, e as vítimas quedaban no anonimato”

A investigadora Tamara López Fernández afondou nos mecanismos legais, penais e sociais que limitaron a liberdade das mulleres durante o franquismo. Na súa intervención, explicou como a ditadura reforzou a dependencia feminina e impuxo un modelo baseado na obediencia, a castidade e o ideal nacional católico.

López Fernández tamén abordou a desigualdade coa que se trataban as condutas de homes e mulleres, así como a impunidade de moitas agresións e abusos sexuais. Neste contexto, sinalou que “a culpabilidade recaía sobre as propias mulleres, mentres moitas vítimas quedaban condenadas ao silencio e ao anonimato”.

A pesar das restricións impostas polo réxime, a investigadora destacou que algunhas mulleres desenvolveron estratexias de resistencia para sortear o control social e gañar espazos de autonomía nun sistema patriarcal que condicionou profundamente as súas vidas.

Recoñecemento das vítimas e reparación

A avogada e investigadora Silvia Fernández Quinteiro destacou a importancia de recoñecer as vítimas do Patronato e avanzar na súa reparación. O seu labor de investigación e asesoramento xurídico permitiu que Eva García de la Torre, exalcaldesa do Porriño e parella de Fernández Quinteiro, falecida en 2022, fose recoñecida oficialmente en 2025 como vítima da represión deste organismo franquista.

Este recoñecemento supón un paso importante para visibilizar a historia das mulleres que sufriron internamentos e outras formas de represión baixo a aparencia de protección e reeducación. O caso de García de la Torre tamén pon de manifesto a importancia de recuperar documentación, investigar o sucedido e impulsar vías legais que permitan recoñecer o dano sufrido polas vítimas.

Fernández Quinteiro defende a importancia de seguir investigando e asesorando xuridicamente as persoas afectadas para que estes casos saian do esquecemento e poidan obter o recoñecemento que merecen. O seu traballo contribúe a documentar unha realidade silenciada durante décadas e a manter aberto o debate sobre as medidas necesarias para garantir unha reparación efectiva.

+ posts

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here