Os concellos das Nogais, Becerreá, Baralla e O Corgo xa contan con sinalización turística para a Vía Künig, unha variante do Camiño Francés que atravesa estes catro concellos lugueses.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, estivo hoxe nas Nogais acompañado por representantes dos municipios promotores para comprobar a execución desta actuación, que contou co cofinanciamento da Administración galega a través da orde de axudas para a mellora de infraestruturas turísticas no medio rural. En concreto, a Consellería de Cultura e Turismo apoiou este proxecto con 45.000 euros.
O plan incluíu a colocación de 165 fitos de madeira, 19 paneis informativos en aluminio e seis sinais direccionais, de acordo co manual de homologación de sendeiros da Federación Galega de Montañismo.
A iniciativa trata de poñer en valor esta ruta e mellorar ademais a información aos visitantes a través da identificación dos principais recursos turísticos e culturais que poden atopar ao longo do percorrido.
QUE É A VÍA KÜNIG?
A vía Künig é unha ruta alternativa ao Camiño Francés orixinal, que se desviaría xusto antes de entrar na provincia para así evitar a complicada orografía do Alto do Poio e Pedrafita. Á súa chegada a Lugo, enlaza co Camiño Primitivo ata Melide, onde se reúne co Francés.
Gómez Vila: “Non hai ningunha montaxe, a Vía Künig funcionou na Idade Media”