O Concello de Lugo celebrou hoxe o Día Internacional das Persoas de Idade cunha xornada de convivencia dedicada aos maiores da cidade, unha celebración que serviu tamén para recoñecer a súa contribución á sociedade e agradecer a súa xenerosidade ao longo de toda unha vida.
A xornada comezou diante da Casa do Concello, desde onde os participantes realizaron unha ruta acompañada por un guía ata o Pazo de Feiras e Congresos, onde continuou a programación prevista para esta celebración.
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, que participou en varios actos da xornada explicou que “hoxe é un día para compartir, para escoitar e tamén para dar as grazas. Os nosos maiores déronnos moito, coa súa experiencia, co seu traballo e coa súa xenerosidade, e creo que temos a responsabilidade de recoñecelo e de estar tamén ao seu lado”, sinalou Elena Candia.
A alcaldesa lembrou tamén que as persoas maiores “non son só receptoras de servizos ou coidados: son cidadáns activos, con experiencia, coñecementos, capacidades e moito que aportar á cidade”.
Un espazo propio para participar
No marco desta xornada, Candia anunciou o compromiso do Goberno municipal de activar no mes de novembro o Consello do Maior, co obxectivo de contar cun espazo propio de participación e diálogo no que as persoas maiores poidan trasladar ao Concello as súas propostas e necesidades.
“Queremos un Lugo no que os nosos maiores poidan seguir facendo vida, participando e achegando. Porque teñen moito que aportar á nosa cidade e queremos contar con eles”, afirmou a alcaldesa. Pola súa banda o concelleiro de política social, maiores e migración, Gustavo Díaz deu as grazas aos maiores “temos moito que agradecer a unha xeración que tanto fixo e que tanto nos segue aportando. Todo o que hoxe é Lugo, leva tamén o seu esforzo”.