InicioCulturaA odisea de dous presidentes de Estados Unidos por Lugo e Os...

A odisea de dous presidentes de Estados Unidos por Lugo e Os Ancares

Xosé Antón Lozano Silvosa narra os avatares dunha misión diplomática estadounidense que procuraba apoios contra Gran Bretaña e que viuse obrigada a atravesar Os Ancares

PUBLICADA O

- Advertisement -

Por Xosé Antón Lozano Silvosa

O 13 de novembro de 1779 a fragata Le Sensible leva áncoras no porto americano de Boston con destino a Europa. A bordo viaxa John Adams (1735-1826), un dos redactores da Declaración de Independencia dos Estados Unidos e futuro presidente entre 1797 e 1801.  A súa misión, como representante do Congreso, era conseguir apoios dos países europeos na súa guerra contra Gran Bretaña e acadar, así, a independencia. Con el viñan, ademais de dous secretarios e dous criados, os seus fillos John Quincy (que foi 6º presidente EEUU) e Charles, de doce e nove anos respectivamente. Dende o mes de xuño dese ano, España comprometérase con Francia en apoiar aos independentistas norteamericanos.

Pero a longa travesía estivo a punto de rematar cos viaxeiros de Le Sensible. Dous días despois da partida un “vendaval de vento moi violento” causou na fragata importantes desperfectos e unha enorme vía o que obrigou á tripulación a bombear auga as vinte e catro horas. Pero a filtración empeorou polo que tiveron que facer uso dunha segunda bomba. Pero nin con esas: o barco estaba a afundirse nas xélidas augas do Atlántico. O capitán, Chevalier de Chavagne, axiña se decatou de que o único xeito de salvarse era chegar a un porto amigo. No alborear do 7 de decembro divisaron terra, un cabo chamado Fisterra que, segundo dicían, fora considerado durante moitos séculos a Fin do Mundo. Un día despois, Le Sensible puido arrivar, gravemente tocado, no porto de Ferrol.
Pero a odisea non rematara. John Adams e os seus estaban atorados agora a centos demillas de París, o seu destino. Que facer? Só había dúas opcións: ou esperar a que repararan o barco, o que podía levar meses, ou atravesar a península ata Francia.
Neste artigo ímonos a deter no Diary de John Adams durante a súa viaxe por terras galegas. Pouco lle dedica ao país, pero si resultan interesantes as observacións acerca dos costumes, da paisaxe, das xentes, da economía, dos aloxamentos, dos camiños, da xustiza, etc.
Durante os días seguintes ao desembarco, Adams foi agasallado polas elites locais. A impaciencia por partir canto antes corroíao, pero había que cumprir. Escribiu: “Onte camiñei polo pobo pero non hai nada que ver… moi poucos cabalos e aqueles miserablemente pobres”. Unha noite leváronno, a contragusto, a unha ópera italiana, “un entretemento aburrido para min”. Pero non todo foran queixas en Ferrol: “Desaiunei chocolate que responde á fama que adquiriu no mundo”. Na derradeira noite en Ferrol, nunha cea ofrecida polo cónsul francés, largoulle a un home chamado Linde, defensor do colonialismo: “España debería subirse ao tren da independencia para derrocar ao seu propio rei antes de que fora demasidado tarde”.

Ao día seguinte, o 14 de decembro, John Adams e a súa comitiva partiron para A Coruña: “Cabalgamos sobre estradas moi malas e montañas moi altas para chegar á antiga cidade amurallada”. Esa mesma noite foi invitado a cear polo Gobernador da Provincia. Ante os comentarios de dous funcionarios sobre o seu apelido (dicían que en Galicia había familias moi antigas, ricas e nobres de nome Adams e que todas eran notables polo seu apego á letra “S” ao final de Adán), insinuou que quizais se debera a abundancia dos excelentesviños que correron durante a paparota (Borgoña, Burdeos, Champagne…).

Pode ler a reportaxe completa no sitio do Colectivo Patrimonio dos Ancares
+ posts

ÚLTIMAS

CC.OO. reclama máis seguridade tras a morte de dous operarios na A-8 nunha concentración en Lugo

Preto dun centenar de persoas participaron este venres nunha concentración diante da Demarcación de...

A neve volta a Lugo por riba dos 700 metros

A Agencia Estatal de Meteorología (AEMET) activou un aviso amarelo por neve tanto na...

Congreso de xerontoloxía e xeriatría no Pazo de San Marcos no mes de maio

O Pazo de San Marcos acollerá o 22 e 23 de maio a 26...

A Deputación inviste case 2.5 millóns de euros na mellora de estradas provinciais

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou investimentos por case 2,5M€ para...