O Albacete Balompié impúxose na súa visita a Lugo (0-3) amosando a súa eficacia goleadora ante un Club Deportivo Lugo que propuxo máis, xerou máis, pero non tivo claridade de cara ao gol. Despois duns compases iniciais sen profundidade, Carlos Pita, no minuto 8, creou a primeira opción local cun disparo axustado dende fóra da área que se marchou lixeiramente fóra. Segundos despois, Néstor Susaeta respondía, pero Juan Carlos Martín detivo a tentativa. Os lucenses dominaban e chegaban con perigo á área rival coas conduccións de José Carlos Lazo ou as arrincadas de Gerard Valentín, novamente titular pola sanción de Eduard Campabadal. Así, no minuto 12, unha conducción de Valentín dende campo propio creou unha superioridade, atopou unha liña de pase cara Lazo e o disparo do extremo gaditano marchou excesivamente cruzado cun golpeo de zurda, a súa perna menos hábil. No seguinte minuto, Lazo realiza unha xogada individual, pero non atinou na finalización. En cambio, o Albacete adiantouse no minuto 17 cun gol en propia porta de Gerard Valentín despois dunha falta directa botada por Eugeni Valderrama que a defensa lucense non foi quen de despexar con contundencia. No ecuador da primeira metade, mellorou levamente un Albacete excesivamente plano até entón e tamén a partir do 0-1. Os manchegos apenas xeraron en campo contrario. De feito, foi o Lugo o que estivo máis preto do gol no treito final da primeira metade. En dúas xogadas a balón parado, o Lugo puido igualar. Cunha volea alta de Gerard Valentín remataba a primeira metade.
Na segunda metade, os lucenses comezaron con profundidade. Avisaba Lazo no minuto 48 cun disparo alto. Dous minutos despois, a mellor xogaba combinativa do Lugo entre Juan Muñiz e Carlos Pita rematou cun zurdazo alto de Manu Barreiro. No minuto 55, conducción de Luis Ruiz e o seu golpeo coa perna dereita, a súa menos hábil, foi detido por Tomeu Nadal, porteiro visitante. Novamente, cargaba o Lugo cunha falta directa lateral de Juan Muñiz que desviaba Nadal. Pero, no 62, un golazo de rosca de Aleix Febas dende fóra da área ampliaba a diferenza. Dende aí, o Albacete dominou o balón e defendeuse co coiro. Incluso, no 82, Álvaro Tejero asinaba o 0-3 cun dereitazo raso axustado dende máis aló da área rival.
Os lucenses son decimoitavos con dous puntos de marxe sobre o descenso.
Carlos Pita será baixa por sanción na vindeira xornada en Alcorcón.