A Xunta de Goberno Local deu luz verde a catro novas licenzas urbanísticas que permitirán desenvolver distintos proxectos residenciais, empresariais e turísticos na cidade, entre eles a construción dun novo edificio con 15 vivendas na Praza Nemesio Cobreros, a reforma dunha nave industrial no Ceao, a ampliación do Hotel Forum e a segunda fase da rehabilitación dun edificio da rúa do Teatro.
A primeira das actuacións corresponde á demolición dun edificio existente e á construción dun novo inmoble multifamiliar na Praza Nemesio Cobreros, que contará con 15 vivendas, locais, garaxe e rochos, distribuídos en planta baixa, sete plantas altas, baixo cuberta, semisoto e soto. O orzamento de execución ascende a 2.371.472,15 euros.
Tamén se concedeu licenza a Automóviles Pérez Rumbao S.A. para a reforma e acondicionamento dunha nave industrial situada na avenida Benigno Rivera, 68, no Ceao, destinada á venda, exposición e taller de vehículos. A actuación afectará a unha superficie útil de 2.576 metros cadrados e unha superficie construída de 2.856,50 metros cadrados, e contará con 58 prazas destinadas a estacionamento e carga e descarga. O investimento previsto é de 972.157,62 euros, cun prazo de execución de 12 meses.
No ámbito turístico, a Xunta de Goberno Local autorizou a actuación prevista no Hotel Forum Ceao, que permitirá ampliar o establecemento mediante a reforma de espazos actualmente infrautilizados. O proxecto contempla actuacións na planta baixa, destinadas a aparcamento e instalacións, e na primeira planta, onde se habilitarán apartamentos turísticos independentes, cun acceso propio diferenciado do hotel. O investimento previsto ascende a 653.082,22 euros, cun prazo de execución de 36 meses.
A cuarta licenza corresponde á segunda fase da rehabilitación do edificio situado na rúa do Teatro, número 6, que terá como uso final pensión e restaurante. O proxecto conta con informes favorables dos servizos municipais de Arquitectura, Arqueoloxía e Enxeñaría e contempla control arqueolóxico durante a execución. O investimento previsto é de 763.075,24 euros, cun prazo de execución de 36 meses.
Axudas para taxi adaptado e entidades sociais
A Xunta de Goberno Local aprobou tamén a convocatoria de axudas para desprazamentos en taxi adaptado destinadas a persoas con discapacidade física ou mobilidade reducida, cunha dotación de 5.000 euros.
Entre os requisitos establecidos figuran, estar empadroado en Lugo durante polo menos un ano, contar cunha discapacidade física permanente igual ou superior ao 33 % e acreditar mobilidade reducida, ademais de cumprir os límites económicos establecidos na convocatoria.
Por outra banda, aprobáronse as bases e a convocatoria das subvencións destinadas a entidades sen ánimo de lucro do ámbito dos servizos sociais, cunha dotación total de 76.000 euros, o dobre da contía inicialmente prevista de 38.000 euros . As axudas están dirixidas principalmente a entidades sen ánimo de lucro constituídas e con domicilio en Lugo, así como, nos supostos previstos, a entidades doutras localidades que desenvolvan proxectos no municipio destinados a persoas en situación ou risco de exclusión.
Novos servizos e promoción da Praza de Abastos
A Xunta de Goberno Local acordou iniciar o procedemento da contratación da subministración, instalación e subscrición da plataforma de xestión dun sistema de taquillas refrixeradas na Praza de Abastos, cun investimento total de 25.410 euros.
A medida permitirá incorporar un novo servizo para os placeros e para as persoas usuarias do mercado, facilitando que os clientes poidan realizar os seus encargos e recollelos posteriormente nas taquillas, mesmo cando a Praza de Abastos estea pechada. Trátase dunha solución especialmente útil para as persoas que traballan e que actualmente atopan unha dificultade nos horarios exclusivamente de mañá do mercado.
A incorporación deste servizo responde ás necesidades detectadas no Estudo Diagnose de Situación e Usos do Mercado de Lugo, elaborado no marco do Plan de Mercados Excelentes 2025. O estudo identifica os servizos á clientela como o principal ámbito de mellora e sinala a ausencia de consignas, tanto normais como de frío, como unha das carencias do mercado. Tamén recolle que unha parte importante da clientela considera máis axeitado contar cun sistema que permita recoller os encargos aínda que a Praza estea pechada.
As taquillas refrixeradas permitirán ampliar as posibilidades de compra no mercado sen modificar os horarios dos postos, facilitando a compra telefónica ou en liña e a posterior recollida dos produtos. Ademais, o sistema permitirá garantir a conservación dos produtos frescos mediante o mantemento da cadea de frío.
A actuación forma parte das medidas de mellora estrutural e desenvolvemento comercial da Praza de Abastos, dentro do obxectivo municipal de avanzar cara á obtención do selo de “Mercado Excelente” da Xunta de Galicia. O propio informe sinala que a instalación dunha consigna para clientes é un dos requisitos obrigatorios para a obtención deste selo.
Xunto con esta nova prestación, a Xunta de Goberno Local aprobou a contratación do alugueiro, montaxe e desmontaxe da iluminación decorativa de Nadal para o Cemiterio e o Mercado Municipal e a Praza de Abastos, cun orzamento máximo de 42.409,90 euros, IVE incluído, correspondente a estes dous recintos. O contrato inclúe a instalación e posta en funcionamento da decoración desde o 20 de novembro ata o 6 de xaneiro, coa súa retirada prevista para o 7 de xaneiro.
A iluminación navideña concíbese tamén como un elemento para facer máis atractiva a visita á Praza de Abastos e ao Mercado Municipal durante estas datas, coincidindo cun período no que estes espazos amplían a súa oferta de produtos locais de calidade. Segundo recolle o expediente, esta actuación busca contribuír a fomentar as compras de Nadal, consolidar o mercado de proximidade e apoiar a economía local.
No caso do Cemiterio Municipal, o contrato contempla a instalación dunha árbore da luz, cunha partida específica de 2.655,95 euros, IVE incluído. A instalación permanecerá no recinto ata o 6 de xaneiro, coa retirada o 7 de xaneiro. Esta iluminación contribuirá a acompañar as actividades programadas no cemiterio con motivo da festividade de Santos e complementará a iluminación especial do recinto durante o Nadal
Persoal
Proponse habilitar, con carácter extraordinario, o uso das bolsas de emprego correspondentes aos últimos procesos selectivos finalizados, tal e como se acordou na reunión da comisión de listas na que están representadas as distintas centrais sindicais co obxectivo de poder cubrir de maneira áxil postos vacantes cando existan razóns de necesidade e urxencia.
Tamén proponse designar o tribunal que cualificará o proceso selectivo para cubrir en propiedade unha praza de monitor/a de Educación Vial, pertencente ao persoal funcionario municipal e mediante promoción interna.