A Corporación Municipal de Lugo, presidida pola alcaldesa, Elena Candia, cumpriu hoxe coa tradicional ofrenda a San Froilán, patrón da cidade, nunha das tradicións máis vinculadas á celebración do 5 de outubro.
A comitiva municipal, acompañada por outras autoridades, partiu da Casa do Concello cara á Catedral de Lugo, onde se celebrou o acto relixioso presidido polo bispo da Diocese de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco. Durante a celebración realizouse a tradicional ofrenda, que este ano correu a cargo de Adriana López e Candela García, dúas nenas amigas de 7 anos.
A Banda Filarmónica, dirixida por Martínez Sabio, acompañou a comitiva ata a Catedral e posteriormente ofreceu na Praza de Santa María un concerto dedicado aos músicos de Lugo.
O recital incluíu un recoñecemento a figuras como Xoán Montes e Manuel López Varela, así como á historia musical da cidade, nun concerto para lembrar e poñer en valor o legado dos músicos que forman parte da historia de Lugo.
Música e tradición nas rúas
A xornada festiva matinal estendeuse tamén polas rúas da cidade, con diferentes pasarrúas, Xigantes e Cabezudos e actuacións de agrupacións musicais en distintos puntos de Lugo, achegando o ambiente do San Froilán aos barrios e espazos da cidade.
Tamén houbo diferentes propostas do San Froilán Miúdo. Os máis pequenos puideron desfrutar hoxe da actuación de Pica Pica, na Horta do Seminario, e de Diminuts, que levou o teatro ás rúas da cidade co seu espectáculo itinerante.
Estas actividades forman parte dun programa específico para a infancia e as familias, que inclúe tamén espectáculos, xogos, obradoiros, maxia e o Festivaliño Xacobeo, coa sala de cine máis pequena do mundo.