O Concello de Vilalba fixo balance do funcionamento da aplicación Liña Verde, a ferramenta de comunicación directa coa veciñanza que permite trasladar incidencias relacionadas cos servizos municipais e realizar consultas ambientais de forma rápida e sinxela.
Desde a súa posta en marcha, o sistema rexistrou un importante incremento da participación cidadá, permitindo ao Concello reforzar a detección de incidencias e actuar con maior axilidade en numerosos puntos do municipio. Ata o momento, o Concello solucionou xa un total de 8.162 incidencias comunicadas pola veciñanza, alcanzando unha porcentaxe de resolución do 75% dos avisos recibidos.
As incidencias máis frecuentes fan referencia á iluminación pública, que representa o 61% das comunicacións realizadas polos usuarios, seguida das relacionadas con beirarrúas, rúas e estradas, cun 15%, así como incidencias vinculadas á recollida do lixo, á rede de sumidoiros e auga ou aos parques e xardíns.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou que “Liña Verde converteuse nunha ferramenta moi útil para mellorar a comunicación directa coa veciñanza e para poder actuar de forma máis rápida e eficaz sobre moitas incidencias do día a día”.
Rouco sinalou ademais que “este sistema permite ao Concello coñecer necesidades e problemas concretos en distintos puntos do municipio practicamente en tempo real, mellorando así a capacidade de resposta dos servizos municipais”.
A rexedora puxo en valor tamén “a implicación da veciñanza á hora de utilizar esta ferramenta e colaborar na detección de incidencias que contribúen a mellorar o estado dos espazos públicos e os servizos municipais”. Pola súa parte, o concelleiro de Servizos Públicos Municipais, Eduardo Vidal, explicou que “a aplicación facilita unha xestión moito máis organizada das incidencias e permite facer un seguimento máis eficaz da súa resolución”.
Vidal destacou ademais que “a maior parte das comunicacións están relacionadas coa iluminación pública e co mantemento viario, cuestións fundamentais no día a día e nas que se está realizando un importante esforzo de mellora”.
A través da aplicación Liña Verde, a veciñanza pode comunicar incidencias directamente desde o teléfono móbil, achegando unha fotografía e a localización exacta do problema detectado.
Unha vez enviada a comunicación, os servizos municipais reciben automaticamente o aviso para iniciar a súa tramitación e posterior resolución, podendo ademais o usuario facer seguimento do estado da incidencia en tempo real.
A aplicación pode descargarse gratuitamente a través de Google Play e App Store seleccionando posteriormente o municipio de Vilalba. Desde o Concello animan á veciñanza a seguir utilizando esta ferramenta como canle directa de colaboración para continuar mellorando os servizos públicos e o estado do municipio.
