O Concello de Rábade celebrará o próximo 31 de maio a II Festa do Centenario da localidade (1925-2025), unha cita coa que a vila continúa festexando os cen anos da súa independencia municipal e reforzando o orgullo de pertenza á localidade. O obxectivo é consolidar esta celebración como unha cita anual para reunir á veciñanza arredor da historia, a cultura e a identidade de Rábade.
O programa do domingo 31 arrancará ás 12:00 horas cunha misa solemne. Ás 13:00 horas terá lugar unha procesión cívica polas rúas da localidade con acompañamento musical, que partirá do Concello antigo.
Xa no Campo da Feira, ás 14:00 horas celebrarase a comida da II Festa do Centenario. As invitacións poden recollerse dende hoxe e ata o 22 de maio na Área de Cultura e Deporte do Concello. O prezo será de 30 euros para adultos e de 15 euros para nenos e nenas.
A programación continuará pola tarde co ‘Mercado do 25’, que se desenvolverá entre as 17:00 e as 21:00 horas na Praza de España. Ás 18:30 horas haberá festa ‘Verbena D’antes’, con Oxeito.
No Campo da Feira, ás 20:00 horas celebrarase o concerto da Asociación Músico Crisanto e, ás 22:00 horas, a actuación musical de Axeigo, que presentará o seu disco ‘Recuncando’.
Dentro da programación especial do segundo centenario tamén están previstas outras actividades culturais ao longo do mes de maio. O día 16, ás 17:00 horas, o Centro Sociocultural acollerá a presentación do conto ‘Rábade, unha vila de conto’, de Leticia Freire Veiga.
Ademais, os días 15, 22 e 29 de maio desenvolverase un taller de asesoramento de vestiario histórico no Centro Sociocultural, en horario de 19:00 a 21:00 horas.
O 30 de maio, ás 18:00 horas, presentarase tamén no Centro Sociocultural o libro ‘Cartafolio del Centenario’, de Manuel Lage, nun acto no que participarán Elena Pérez Ferreiro, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés e Luis Francisco Lage de la Fuente.
Ese mesmo día abrirá a exposición ‘As miradas da nosa historia’, de Cristina Mejías Bamio, que poderá visitarse no Centro Sociocultural ata o 26 de xuño.
A alcaldesa, Remedios González, destacou que esta segunda edición da festa busca “seguir poñendo en valor o orgullo de vila e crear un encontro para que veciños e veciñas compartan unha xornada especial arredor da nosa Historia”. Ademais, sinalou que “o Centenario está sendo unha oportunidade para lembrar o camiño percorrido e tamén para reforzar os vínculos entre xeracións”.
