A UNED de Lugo acollerá o vindeiro mes de xuño unha nova convocatoria dos exames oficiais Trinity ISE Digital, unha proba de acreditación de lingua inglesa recoñecida a nivel nacional e internacional, que permite certificar niveis comprendidos entre o B1 e o C1 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas.
A proba, organizada por Trinity College London, institución educativa internacional con sede en London, realizarase integramente en formato dixital nas instalacións do centro asociado lucense, empregando os equipos informáticos habilitados pola UNED de Lugo para garantir o correcto desenvolvemento do exame. Para as probas de comprensión e expresión oral, o alumnado disporá tamén de auriculares con micrófono.
Un dos aspectos máis destacados desta convocatoria é a rapidez na comunicación dos resultados, que estarán dispoñibles nun prazo de entre tres e cinco días tras a realización da proba. Cada estudante recibirá por correo electrónico a cualificación global e un informe detallado coa puntuación obtida en cada unha das catro competencias avaliadas: comprensión oral, comprensión escrita, expresión oral e expresión escrita.
O período de matrícula permanecerá aberto do 7 de abril ao 14 de maio de 2026, mentres que os exames celebraranse entre o 22 e o 26 de xuño, en datas que se concretarán proximamente.
O prezo fixado para esta convocatoria é de 170 euros.
Con esta iniciativa, a UNED de Lugo reforza a súa aposta pola formación en idiomas e por facilitar ao alumnado o acceso a certificacións oficiais de recoñecido prestixio internacional.
