O Foro Feminista de Lugo, INFORMA, que na tardiña de onte foi vandalizado un dos 30 cartaces da exposición instalada no vestíbulo da Biblioteca Pública de Lugo, “Mulleres que pensar, ideas que defender”. Xenealoxía Feminista.
Moitas persoas a visitaron en grupo ou individualmente dende o día 2 de marzo, e con motivo do Día Internacional da Muller, 8M, determinado pola ONU.
Unha das mulleres seleccionadas para un cartaz foi Najat el Hachmi, escritora premiada, habitual colaboradora dos medios de comunicación máis coñecidos. O pasado mércores día 17 de marzo, entraron dúas persoas encapuchadas e tacharon, vandalizando a frase exposta no cartaz de Hachmi.
O Foro Feminista de Lugo, asociación que realizou este traballo, quere afirmar que “o feminismo que defendemos non nace do odio cara a ninguén”. Nace dunha “tradición progresista que analiza as desigualdades sociais entre mulleres e homes para transformalas, a través dos libros das autoras seleccionadas: a división sexual do traballo, a violencia machista, a sexualidade, a reprodución ou o control sobre os corpos das mulleres”.
