Un axente da Policía Nacional, destinado na Comisaría Provincial de Lugo, evitou que un incendio nun piso da Rúa Reverendo Xosé Fernández Núñez, sucedido a pasada semana, se propagase, actuando antes da chegada dos bombeiros e protexendo así os veciños do edificio.
O policía observou un fume branco e denso que rapidamente se converteu en escuro, que saía da ventá dun piso no que residía un home maior, detectando ao momento que se trataba dun incendio na cociña.
Rapidamente dirixiuse usando as escaleiras ao inmoble afectado, e utilizou un extintor do edificio para apagar as chamas, que se estenderan pola cociña, evitando así danos persoais e danos materiais maiores.
Debido á gran cantidade de fume que se xerou nos descansos das escaleiras, os veciños foron parcialmente evacuados, e os bombeiros tiveron que ventilar piso por piso durante varias horas utilizando unha máquina especial, para garantir que o fume non afectase os veciños.
Os bombeiros incidiron en que a rápida intervención do policía fóra de servizo foi fundamental para que o incendio non acadase unha maior dimensión e ocasionase consecuencias moito máis graves en todo o inmoble e nos seus habitantes.
