InicioEconomíaA Deputación de Lugo destina 1,3M€ na transformación da Avenida Infanta Elena

A Deputación de Lugo destina 1,3M€ na transformación da Avenida Infanta Elena

As obras que acaban de arrancar permitirán completar os 2,7 km de desdobramento e humanización desta estrada clave na cidade romana.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A cidade de Lugo continúa a súa transformación urbana cara un modelo máis sostible, accesible e orientado ás persoas, grazas ao impulso decidido da Deputación de Lugo, que vén de poñer en marcha unha nova fase das obras na Avenida Infanta Elena, a principal vía de entrada e saída da cidade pola súa zona norte. Esta nova actuación suporá un investimento de 1,3 millóns de euros, que permitirá completar os últimos 456 metros da avenida, entre a Glorieta de Garaballa e a de Benigno Rivera.

Con este novo tramo, a Deputación culmina un ambicioso proxecto no que leva investidos 2,445 millóns de euros, e que abrangue a renovación integral dos 2,7 quilómetros de lonxitude da avenida, converténdoa nun acceso moderno, funcional e seguro, adaptado ás necesidades da cidade actual.

Será un acceso espectacular, o mellor que vai ter a cidade de Lugo e onde máis falta fai pola afluencia de tráfico. Unhas actuacións que eu espero que estean rematadas nos meses de outubro ou novembro”, afirmou o Presidente da Deputación, José Tomé Roca, durante a visita institucional que realizou acompañado do Alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez, coincidindo co arranque das obras.

CARRIL BICI

O novo tramo mantén o modelo xa implantado nas fases anteriores, cun deseño urbano que prioriza a seguridade e a mobilidade sostible. A intervención contempla dúas plataformas de calzada de 10,25 metros de ancho cada unha, que permitirán tres carrís de circulación por sentido, o que facilitará o tráfico fluído nunha das zonas con maior densidade de vehículos da cidade.

Ademais, incluirase un carril bici de 3 metros de ancho, beirarrúas de máis de 4 metros a ambos lados, e tamén mobiliario urbano moderno, árbores, zonas verdes e iluminación LED, favorecendo un espazo público máis amable, accesible e integrador para a cidadanía. Outro dos puntos destacados do proxecto é a renovación completa das redes de abastecemento, saneamento e alumeado público, tendo en conta as necesidades actuais e futuras da contorna, que podería acoller desenvolvementos urbanísticos máis adiante.

Esta era unha obra moi necesaria para ter unha cidade máis accesible, aberta e dinámica”, destacou o presidente provincial, incidindo na importancia desta actuación nunha área estratéxica da cidade, con gran peso comercial e industrial, pola súa proximidade a espazos como o centro comercial As Termas ou os polígonos industriais da zona.

MODERNIZACIÓN DE LUGO

Pola súa parte, o Alcalde de Lugo, Miguel Fernández, puxo en valor o impacto positivo que esta obra terá para a cidadanía:“Estas obras significan seguir avanzando cara ese modelo de cidade que defendemos: un Lugo aberto, onde se gañan espazos públicos para a veciñanza, e onde se prioriza a seguridade tanto dos peóns como do tráfico rodado”.

O rexedor municipal agradeceu o compromiso da Deputación de Lugo cun investimento que permitirá dar un salto cualitativo en termos de mobilidade e calidade urbana:“O remate do desdobramento de Infanta Elena será clave para a mobilidade na zona norte da cidade. Agradecemos o compromiso, a sensibilidade e o esforzo inversor da Deputación nesta actuación”.

Con este proxecto, a Deputación de Lugo reafirma o seu papel como institución clave para o desenvolvemento sostible dos concellos da provincia. A aposta por infraestruturas modernas, seguras e pensadas para as persoas é unha das liñas prioritarias de actuación do goberno provincial. 

ÚLTIMAS

Sabías que non sempre se comeu polbo no San Froilán?

O San Froilán de Lugo cheira a choiva miúda, mantas, orquestras... e polbo! Pero ese...

Falece un home tras atragoarse nun restaurante de Vilalba

Un home faleceu tras atragoarse cando se atopaba comendo nun restaurante do municipio lucense...

Evacuada en helicóptero unha persoa tras recibir un disparo nunha perna durante unha xornada de caza en Becerrá

Unha persoa tivo que ser trasladada en helicóptero ao Hospital Lucus Augusti (HULA) tras...

Seis persoas están observación no HULA tras intoxicarse con deterxente nunha pulpería durante o San Froilán

Seis persoas foron trasladadas ao Hospital Lucus Augusti (HULA) tras intoxicarse cun café contaminado...