Un estudo sobre o estado do pan tradicional galego acadou a máxima distinción na primeira edición dos premios da Cátedra do Pan e do Cereal. Esta colaboración da Universidade de Santiago de Compostela co Grupo Da Cunha concedeu o galardón ao Traballo Fin de Grao ¿En qué dimensión se encuentra el pan en la actualidad?, un estudo de valoración do pan tradicional que demanda a incorporación de modelos tridimensionais deste produto como ferramentas de consulta clínicas acaídas para dietistas e nutricionistas.
Jesús Fernández Cruces, graduado en Nutrición Humana e Dietética na Facultade de Ciencias de Lugo, desenvolve neste estudo de valoración dos galegos respecto do pan. Fíxoo a través do deseño e validación dun cuestionario de 60 preguntas e máis de 200 posibles ítems de resposta, co que enquisou a 204 suxeitos de diversos puntos da xeografía galega.
O obxecto deste traballo de sondaxe é o de avaliar o grao de coñecemento da poboación galega sobre a orixe, a procedencia e o papel do pan na alimentación, o consumo, a tradición e o ouso do pan no fogar, así como os gustos persoais e tamén outros datos referidos ao glute.
Os resultados obtidos apuntan cara unha relación estreita coas características sociais e demográficas das persoas enquisadas. Daquela, o feito de pertencer a un grupo de idade, provincia e/ou sexo, garda relación, entre outros indicadores, coa cantidade e tipo de pan consumido.
Proposta de modelado 3D
De xeito parello a este estudo de valoración do pan galego, un dos máis apreciados en España, Jesús Fernández Cruces incorporou ao seu TFG, a través da aplicación de escaneado en 3D, modelos tridimensionais de pans con medidas semellantes ás reais. A aplicación destes modelos en 3D, sinala Fernández Cruces, resultou moi útil á hora de que as persoas precisaran a cantidade de alimento consumido, ao tempo que supón ou, cando menos, pode constituír unha ferramenta de gran utilidade na consulta clínica dos profesionais dietistas-nutricionistas, engade.
O gañador do I Premio da Cátedra do Pan e do Cereal do Campus Terra da USC recibirá este galardón, dotado con 1.000 euros en métálico, ademais de coa posibilidade de gozar dunha experiencia de traballo no Grupo Dacunha a través dun contrato laboral de seis meses de duración, o vindeiro 21 de xaneiro no marco dun acto público que se desenvolverá na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo.
Composición e criterios do xurado
O xurado encargado de fallar a primeira edición dos Premios da Cátedra do Pan e do Cereal da USC, un comité avaliador presidido pola directora desta cátedra universitaria do campus de Lugo, Ángeles Romero, e do que tamén forman parte o presidente do Grupo Dancunha, Manuel Dancuha; o enxeñeiro agrónomo da referida empresa Fernando Almedia, ademais dos vicerreitores da USC Montserrat Valcárcel Armesto e Gumersindo Feijóo Costa, e o catedrático do Departamento de Produción Vexetal da USC, Santiago Pereira, deu a coñecer este martes a súa resolución logo da reunión celebrada no edificio Cactus do campus de Lugo.
O xurado, tal e como se establece nas bases da convocatoria dos Premios da Cátedra do Pan e do Cereal da USC, tivo en conta na súa valoración a orixinalidade e a innovación do traballo, a aportación persoal do alumno e o alcance do traballo a nivel formativo; a calidade, rigor e metodoloxía científica axeitada ao problema exposto; a posta en valor do pan tradicional, cereais e outros derivados; a utilidade ou aplicabilidade social, científica e a capacidade de achegar a resolución de problemas ou necesidades científicas ou sociais, así como a viabilidade económica e a creación de postos de traballo.
“Hai que conseguir que o pan galego volva ao seu lugar protagonista”