InicioEconomíaCarballos de Lugo para toneis e barricas irlandesas

Carballos de Lugo para toneis e barricas irlandesas

Unha delegación do segundo grupo mundial en viños e licores avalía en Lugo a idoneidade de carballos e castiñeiros para empregar en toneis

PUBLICADA O

- Advertisement -

Hai anos que Irish Distillers recorre ao grupo BioModem do Campus Terra para avaliar o potencial dos recursos forestais de Galicia. Recentemente, unha delegación da destilaría irlandesa realizou unha estadía en Lugo para supervisar o estado das carballeiras previamente seleccionadas para a elaboración de toneis.

Investigadores do GI-1720 BioModem –Modelización, Enerxía e Mecanización de Biosistemas– e da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría compartiron coa delegación a evolución dos estudos que a Universidade de Santiago de Compostela realiza en colaboración coa empresa, en relación ás aptitudes da madeira de carballo galego para a tonelería. En meses vindeiros investigarán o uso do castiñeiro en barricas.

A dilatada relación entre a EPS de Enxeñaría de Lugo e Irish Distillers implicou o contacto con propietarios de carballeiras de dimensións e superficie interesantes. A explotación da madeira para toneis irá en todo caso acompañado do selo FSC de Certificación Forestal, asegurando a persistencia da masa de carballo. A sostibilidade é un dos esforzos principais destes traballos, orientados cara á conservación do monte galego, para o que contan co apoio da Deputación de Lugo. A autoridade provincial aspira a unificar os grupos de propietarios forestais baixo a mesma figura fiscal e física, facilitando a xestión e a valorización das áreas rurais.

Carballo e castiñeiro, tradición milenaria en toneis

Complexo de maduración de Irish Distillers en Dungourney
Complexo de maduración de Irish Distillers en Dungourney

A fase actual das pescudas baséase en masas con pés de carballo libres de pólas ata alomenos seis ou sete metros de altura, salientable rectitude do fuste, e dimensións mínimas diametrais por enriba dos 35 centímetros. Malia que esta clase de pés non son os máis abondosos, a boa calidade das masas galegas de carballos garante o abastecemento de materia prima.

Así as cousas, o grupo BioModem dará continuidade ás investigacións con castiñeiro, avaliando a aptitude enolóxica a través da análise de compoñentes volátiles que a madeira pode transmitir aos licores durante a maduración.

O potencial do castiñeiro en tonelería ten precedentes dende a época romana ata o século pasado. Partindo desta tradición, a comitiva irlandesa e a USC queren valorar con precisión a aptitude física, mecánica e tecnolóxica para o aproveitamento en toneis, prestacións que quedaron constatadas logo dos traballos realizados no último ano.

Irish Distillers forma parte da multinacional Pernod Ricard, o segundo produtor mundial por volume de venda de viño e licores. O conglomerado está na lista de valores CAC40, o índice bursátil francés, e comprende seis compañías e oitenta e seis marcas destes produtos.

+ posts

ÚLTIMAS

Presentado o proxecto para crear oito novas rotondas de cara a axilizar o tráfico en Lugo

O primeiro tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, fixo público o proxecto de...

Rueda defende a moción en Lugo entre acusacións de “comprar poder” e “incumprir” os estatutos do PP

A sesión de control do Pazo do Hórreo anticipou este martes o guión que...

Abre a estrada que conecta Vilalba e Chavín pola Balsa despois de arranxar unha ponte

A Deputación vén de reabrir ao tráfico a estrada LU-P-6502, que conecta Vilalba e...

Case 20 actividades no Arde Lvcvs Cvltvral para celebrar o 25 aniversario da festa

O Arde Lvcvs Cvltvral despregará este ano unha programación con preto de 20 actividades...