InicioSociedadeLiñares, "esperanzado e tranquilo" á súa chegada ao xuízo

Liñares, “esperanzado e tranquilo” á súa chegada ao xuízo

O que fora concelleiro na corporación lucense enfróntase a unha petición de cinco anos de prisión polas irregularidades durante a súa etapa na Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

PUBLICADA O

- Advertisement -

“Esperanzado” e “tranquilo”. Así chegou ao xuízo na Audiencia Provincial de Lugo Francisco Fernández Liñares, ex presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e ex concelleiro de Obras durante a época do alcalde socialista José López Orozco.

Acompañado do seu avogado, Evaristo Nogueira, compareceu ao fío das 10,00 horas, pouco antes de que arrincase este xuízo polo que a Fiscalía lle pide cinco anos de prisión por suborno e prevaricación.

Antes de entrar na sala, o avogado confirmou que ían expor unha “serie de cuestións” previas que non quixo concretar ata o acto do xuízo, no que tamén se investiga a empresarios que supostamente accederon ás mordidas de Liñares cando era presidente da Confederación, de 2009 a 2012.

A Fiscalía sostén no seu escrito de acusación que Liñares “teceu unha rede de intereses económicos” a través da concesión de contratos xa desde o seu posto como edil no Concello de Lugo, de 1999 a 2008. Esta práctica levaríaa tamén a cabo na súa etapa na Confederación, segundo sostén.

O CAMBIO DE VIDA

Á entrada, Liñares deu os “bos días” á avalancha de xornalistas que se achegaron ata el e o seu avogado, e mostrouse “esperanzado” ante este xuízo que se prolongará ata o venres.  O seu avogado, Evaristo Nogueira, limitouse a sinalar que van “executar o dereito de defensa”. Interpelado sobre se ían pedir a nulidade do xuízo, tan só emprazou a “ver que pasa nas cuestións previas”.

Unha vez no interior antes de entrar na sala, o ex presidente da Confederación Hidrográfica Miño Sil comentou que agora dedica o seu tempo “a coidar piñeiros” e ao estudo “de documentación histórica sobre a orixe dos montes na Costa da Morte”.

Esta causa xudicial é unha das moitas pezas que conforman a ‘Operación Pokémon’, unha instrución que tutelou no seu día a xuíza Pilar de Lara, agora apartada do xulgado por dilacións indebidas.

ÚLTIMAS

Desatascar a praia fluvial e as obras da Rolda Este, compromisos acadados entre Xunta e Concello

A Xunta de Galicia e o Concello de Lugo alcanzaron compromisos, tras unha reunión conxunta mantida este martes,...

Dous mozos golpean no parque Rosalía de Castro a un home tras un altercado con dúas mozas por motivo de cartos

Un home maior foi golpeado brutalmente no parque Rosalía de Castro de Lugo por...

Cachan a dous condutores de patinete eléctrico borrachos en Lugo, un deles superando o límite penal

A Policía Local de Lugo detectou ao longo da semana pasada a dous condutores de patinete eléctrico...

O Concello de Lugo modifica horarios de traballadores e instalará paneis especiais nas escolas infantís pola calor

O pleno ordinario de xuño do Concello de Lugo abriuse este luns coa intervención...