InicioMedioambiente e PatrimonioPatrimonio dos Ancares denuncia o "moi mal" estado das fortalezas da comarca

Patrimonio dos Ancares denuncia o “moi mal” estado das fortalezas da comarca

"Só se salva o de Doiras", aseguran. O colectivo vén de rematar o inventario de todos os castelos, pazos e escudos da zona.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O colectivo Patrimonio dos Ancares vén de completar o inventario dos castelos e torres, pazos e casas señoriais, e escudos de armas da comarca. Logo de tres anos de traballo, destacan un extenso patrimonio que, en liñas xerais, está en condicións “moi malas”.

En concreto, a asociación documentou 18 fortalezas (2 en Baralla, 4 en Becerreá, 4 en Cervantes, 3 en Navia de Suarna, outras 3 nas Nogais e 2 en Pedrafita) e outras tantas casas señoriais ou pazos (5 en Baralla, 2 en Becerreá, 3 en Cervantes, 4 en Navia, 2 nas Nogais e 2 en Pedrafita).

Por outra parte, tamén documentaron 14 castelos que desapareceron e dos que só queda o nome e algúns restos que practicamente pasan desapercibidos, segundo apuntan. Sete deles localízanse en Baralla, tres en Cervantes, outros tres en Navia e un en Becerreá. Deste último, o de Pena Agüeira, sábese que foi destruído durante a Revolución Irmandiña, entre os anos 1467 e 1469. Os restantes, situados en outeiros rochosos, semellan ser “os máis antigos, probablemente da época altomedieval”.

“SÓ SE SALVA O DE DOIRAS”

“Con respecto aos castelos e torres que se conservan, o seu estado é moi malo. Só se salva o de Doiras, en Cervantes”, explica o presidente do colectivo, Xabier Moure. Outras fortalezas emblemáticas da comarca como a da Vilameixe (Baralla), Dumia e Quindous (Cervantes), A Pobra de Navia (Navia de Suarna), Doncos e Torés (As Nogais), ou a Casa-torre de Veiga de Forcas (Pedrafita do Cebreiro) atópanse “en ruína ou semirruína”. Mesmo problema acontece nas casas señorais, que ou ben sofren un “total abandono” ou ben foron moi modificadas.

Así e todo, os bens patrimoniais máis abundantes son os escudos de armas. Un número moi elevado deles foron reutilizados noutras construcións distintas ás que as acolleron inicialmente. Alomenos doce terían desaparecido en roubos ou vendas.

COMPARATIVA CON OUTRAS ZONAS

De novo, Patrimonio dos Ancares insiste nas condicións de conservación deste patrimonio, “que contrasta co doutras zonas”. Non van moi lonxe, senón tan só ao Bierzo, para louvar as actuacións das Administración públicas no que se refire á consolidación e restauración dos seus castelos. Poñen como exemplo os de Balboa, Sarracín (Veiga de Valcarce) ou Cornatel (Priaranza do Bierzo).

Mentres, nos Ancares, “como moito ilumínanse ou constrúense miradoiros para ver mellor como se veñen abaixo”, lamentan. Dende a asociación instan a respectar a protección que merecen como patrimonio catalogado como Bens de Interese Cultural (BIC).

+ posts

ÚLTIMAS

Folga: “Satisfación” dos sindicatos en Lugo, a pesar da “presión policial” e “servizos mínimos abusivos”

Os sindicatos amosáronse este mércores "satisfeitos" co seguimento da folga xeral na provincia de...

Folga: A CIG denuncia unha”desproporcionada” actuación policial en Lugo

A CIG denuncia unha "actuación desproporcionada" tanto da Policía Nacional como da Policía Local...

O PSOE defende un “proxecto da xente” fronte a unha dereita centrada en “desmantelar” servizos públicos

Os candidatos do PSdeG-PSOE ao Congreso e ao Senado pola provincia de Lugo, Patricia...

Multan con máis de 21.000 euros a un home por tocar o traseiro a unha muller en Lugo

Un home foi multado con máis de 21.000 euros por lle tocar o traseiro...