InicioMovementos sociais"Coa mosca tras da orella" en Parga por se a redución de...

“Coa mosca tras da orella” en Parga por se a redución de servizos se prolonga alén do estado de alarma

A plataforma 'Parga Non Se Divide' pide que a oficina de Abanca recupere a normalidade e pase a abrir a diario, non só dous días á semana. O consultorio sanitario tamén pechou por mor da reorganización do Sergas e agora as persoas deben ser atendidas en Guitiriz.

PUBLICADA O

- Advertisement -

En Parga (Guitiriz), a veciñanza anda “coa mosca tras da orella” ante a limitación dalgúns servizos durante o estado de alarma. O peche parcial da oficina de Abanca, logo do intento de clausurala totalmente hai dous anos, e a centralización dos centros de saúde, failles temer que estas medidas non só teñan carácter temporal, senón que sexan o primeiro paso dun desmantelamento de servizos que redunde no “abandono” da vila.

Afonso Losada, da plataforma ‘Parga Non se Divide’, expresa a “desconfianza” da poboación, especialmente coa cuestión da oficina de Abanca. Co inicio da actual situación excepcional, e por mor das restriccións sanitarias, o local pasou a atender ao público tan só dous días á semana. “Precisamente o que nos ofrecían hai un par de anos, despois de intentar pechala de todo“, explica Losada.

Contextualiza así unhas sospeitas cuxa xustificación “vén de atrás”. Daquela, di, só a “organización veciñal coa súa presión” conseguiron parar os pés ao peche da oficina de Abanca na localidade.

“A OFICINA ESTÁ DESBORDADA”

‘Parga Non Se Divide’ entende a limitación de acceso e de horario imposta pola crise do coronavirus, pero coida que “a situación xa evolucionou” e que cómpre retornar á normalidade. “A oficina está desbordada. Hai unha soa persoa á quen en dous días se lle acumula o traballo de toda a semana, e máis aínda agora que se están tramitando un montón de axudas“, precisa Losada. Ademais, segue, fórmanse continuas ringleiras na beirarrúa que pouco contribúen a garantir a seguridade.

Non lles ofrece moita confianza tampouco o feito de que nesta oficina non haxa nin un só cartel informativo no que se indique o carácter temporal deste cambio de horario. “Noutros locais si que o poñen, pero aquí non”. Presentaron varias reclamacións vía telemática, pero “dado que a entidade non responde”, continúa o “temor de que isto quede así indefinidamente”.

PECHE DO CONSULTORIO

Situación parecida acontece co consultorio sanitario de Parga. A reorganización prevista polo Sergas para actuar durante a pandemia implicou o peche dalgúns centros de saúde para agrupar a atención nun só único lugar. Desta maneira, o centro de saúde de Guitiriz —”xa saturado antes”— ocúpase tamén da atención que correspondía ao consultorio de Parga.

“A medida non é moi coherente coa prohibición de desprazamentos e de evitar as aglomeracións”, valoraba o voceiro da plataforma ‘Parga Non Se Divide’. “A dispersión territorial e de servizos pode ser boa para manter os servizos indispensables preto da cidadanía”. Neste caso, si que existe un “compromiso” explícito de restablecer o servizo unha vez remate o estado de alarma, algo que esperan que efectivamente se cumpra.

“QUEREMOS UN FUTURO PARA PARGA”

“Tanto o tema da oficina de Abanca coma o do centro de saúde é visto con preocupación en Parga”, confesa Afonso Losada. “Non é unha vila precisamente en auxe” e calquera recorte pode acabar por cavar a súa tumba. “Queremos un futuro para a nosa vila. Agora mesmo temos moitas frontes abertas e non queremos ter máis”, remata.

ÚLTIMAS

Lugo inicia os trámites para abrir o novo comedor escolar de Fingoi II tras o anuncio da Xunta

O tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Educación, Iria...

Lugo promocionará en FITUR a súa rede museística coa campaña ‘Lugo é o match’

O Concello de Lugo participará de novo na Feira Internacional de Turismo (FITUR), que...

Detido un home por un delito de lesións tras unha pelexa na mañá de Aninovo

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Lugo detiveron a unha persoa como presunta...

O Concello de Lugo recepciona o aparcadoiro da Avenida de Breogán enmendarse as deficiencias

O Concello de Lugo anunciou que finalmente recepcionará o aparcadoiro da Avenida de Breogán,...